A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) está a colaborar co Concello da Coruña na organización de diferentes actividades para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle o Kiosko Alfonso ata o 25 de xullo. Baixo este marco de colaboración celebrarase este martes 12 de xullo a segunda das tres sesións de gravación dun podcast biográfico sobre María Casares.
Baixo o título María Casares: Da Coruña a Residente privilexiada, este ciclo de gravacións analizará polo miúdo a traxectoria da actriz dende diferentes prismas grazas á condución de María Lopo, que contará co acompañamento de lecturas dramatizadas coas que diferentes intérpretes asociadas á AAAG lles darán voz a textos escritos pola propia Casares. As tres sesións celebraranse no auditorio do segundo andar do Kiosko Alfonso os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19.00 horas e estarán abertas ao público. O acceso será gratuíto ata cubrir a capacidade do recinto.
A sesión deste martes abordará a relación da actriz co exilio. O inicio da Guerra Civil, a fuxida a Francia, a súa condición de refuxiada primeiro e de residente privilexiada despois ou o seu regreso teatral frustrado -e frustrante- coa peza O adefesio, de Rafael Alberti, serán algunhas das claves desta cita na que tamén intervirá a actriz Rebeca Solla.
O ciclo rematará o martes 19, cunha xornada dedicada á súa carreira teatral. A gravación dese día porá o foco na prolífica traxectoria da actriz na escena gala. A súa estrea en 1942 no Teatro Les Mathurins, a súa pegada no histórico Festival de Avignon, os seus anos na Comedia Francesa, o seu paso polo Teatro Nacional Popular ou os seus traballos con autores como Albert Camus ou Jorge Lavelli serán os fitos principais desta sesión na que participará, xunto a Lopo, a actriz María Francelina.
O Concello da Coruña a AAAG retoman o formato podcast para achegarse ao exilio de María Casares
Compartir Este Artigo

