
Un proxecto revolucionario
O Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega (impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e as tres universidades da nosa terra para acadar máis presenza da lingua nas contornas TIC) acaba de entrar na súa segunda fase de desenvolvemento cunha inxección de máis de 600.000 euros. Os seus obxectivos consisten en situar o galego na vangarda das tecnoloxías lingüísticas. Ao seu abeiro desenvólvense os recursos e as ferramentas para o procesamento automático do galego e elabóranse demostradores que permitan mostrar as posibilidades dos recursos, facilitando a elaboración de aplicacións e creando un ecosistema galego innovador.
O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta (a través da Secretaría Xeral) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, “o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia”, sinalou recentemente o secretario xeral Valentín García, quen tamén lembrou que se trata dun proxecto cuxo período de materialización será de catro anos e que este mes de maio Nós “entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística”.
O obxectivo final polo que traballan os diferentes expertos do ámbito da lingua e da tecnoloxía é permitir á cidadanía galega interactuar con asistentes de voz, contar coa subtitulación automática de contidos audiovisuais, cun apoio ao diagnóstico médico, con servizos de teleasistencia avanzada e coa tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, na nosa lingua.
Convocadas nove prazas para traballar no proxecto Nós de Intelixencia Artificial e lingua galega
Compartir Este Artigo

