A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou este 12 de xullo, no Diario Oficial de Galicia, unha nova convocatoria do programa EMEGA de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34% máis que o ano pasado), prevé outorgar 275 axudas, un 18% máis que en 2021, no que se concederon 234. As mulleres emprendedoras poden cursar as súas solicitudes dende este 13 de xullo e ata o próximo 12 de agosto. Boa parte da actividade prevista porá o foco en impulsar proxectos tecnolóxicos.
Máis polo miúdo, o programa EMEGA comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación.
A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.
Para resultar beneficiarias do programa EMEGA, as mulleres emprendedoras deben liderar unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vencellos laborais co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.
Como novidades este ano, ademais do incremento orzamentario global, teranse en conta os plans de igualdade que teñan vixentes como documentación acreditativa e, ademais, elevarase a puntuación de pertenza das posibles beneficiarias a algún colectivo prioritario (mulleres con discapacidade, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45 no inicio da actividade laboral, desempregadas de larga duración…), valorándose cada unha destas circunstancias.
O pasado 2021 o programa permitiu apoiar a cifra de 234 iniciativas empresariais de mulleres e a creación de 272 novos postos (158 por conta propia e 114 por conta allea) de mulleres, así como o mantemento doutros 240.
O programa de axudas EMEGA incrementa orzamento e pon o foco en proxectos innovadores e tecnolóxicos
Compartir Este Artigo

