O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este 12 de xullo os detalles da nova ferrtamenta tecnolóxica do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), baseada en Intelixencia Artificial. Fíxoo con motivo da sinatura do convenio de adhesión da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a esta ferramenta. “Xuntos estamos máis preto de resolver os problemas na cobertura de vacantes laborais cos que se están a atopar moitos sectores e empresas”, subliñou.
Na súa intervención, explicou que se trata dunha aplicación de analítica “eficaz” para a colocación de persoal, segundo á demanda do mercado laboral galego. Deste xeito, valorou que “se atende á vez ás persoas en procura de emprego e ás empresas, identificando, a través da Intelixencia Artificial e da analítica avanzada, as necesidades do mercado laboral en tempo real para axustar a oferta á demanda”.
Rueda enxalzou que con este sistema de analítica avanzada, que se atopa a piques de ser adxudicado por 5,7 millóns de euros, Galicia situarase na “dianteira” en España na aplicación desta tecnoloxía, ao tempo que sinalou que o software “apoiará o labor dos técnicos do Servizo; favorecerá que as empresas atopen traballadores coas competencias que precisen en cada momento; e orientarase á mellora dos índices de colocación no mercado laboral”.
Ademais de reivindicar a fórmula de colaboración e adaptación á realidade económica, o presidente salientou a transformación do Servizo Público de Emprego de Galicia, que pivota en torno á Axenda Galega de Capacidades para o emprego, e ao que este ano a Xunta está a dedicar 6 millóns. Ao respecto, remarcou que “se trata dunha aposta firme pola formación dos traballadores e traballadoras, actualizada a medida que cambian as necesidades do mercado laboral”.
A CEG xunta forzas co Goberno galego para impulsar a nova vida tecnolóxica do Servizo Público de Emprego
Compartir Este Artigo

