O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinaron este 22 de xullo a primeira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre ambas entidades en outubro de 2021 e que permite impulsar accións no eido da docencia, investigación, transferencia e internacionalización no Campus Industrial de Ferrol. A dotación da Consellería para este convenio de colaboración foi de 1.809.100 euros para as anualidades 2021 e 2022. Esta addenda fornece ás actuacións para a anualidade de 2023 dunha achega de 1.517.000 euros acorde ao período de acreditación por tres anos que obtivo o Campus Industrial de Ferrol.
Este incremento supón unha modificación na contía final do convenio que ascende a 3.326.100 euros.
Na sinatura desta primeira addenda estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a directora do Campus Industrial de Ferrol, Ana Ares, o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a delegada Territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.
Segundo lembrou o reitor, o Campus Industrial de Ferrol basea a súa especialización en seis áreas, ligadas aos piares fundamentais da Fábrica do Futuro: a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos industriais, a enxeñaría naval e offshore, o deseño industrial e o desenvolvemento de produto. Para acadar a súa acreditación como “o primeiro campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia”, someteuse a un proceso de avaliación por parte dunha comisión de expertos independentes alleos ao Sistema Universitario de Galicia.
Desde a súa creación, no ano 2016, o Campus Industrial de Ferrol renovou a súa oferta académica incluíndo no catálogo da UDC as dúas primeiras titulacións bilingües do Sistema Universitario de Galicia, o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Relacións Internacionais. Así como o primeiro grao dual da comunidade, o grao en Enxeñaría Eléctrica, o grao en Xestión Dixital da Información e Documentación e os mestrados en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos e o de Enxeñaría en Deseño Industrial.
A Xunta reforza a capacidade de innovación e transferencia do Campus de Ferrol
Compartir Este Artigo

