Movistar vén de facer balance dos seus traballos de despregadura de fibra ata o fogar (FTTH) no concello de Vigo. Segundo fixo saber este mes de xullo, o 93% das unidades inmobiliarias do municipio (vivendas unifamiliares, locais, oficinas, edificios de vivendas, etc) están xa conectadas á dita infraestrutura de Movistar, que é, en palabras da operadora, “a rede de telecomunicacións máis rápida e avanzada do mercado”.
Este fito logrouse grazas a “un intenso traballo por parte os equipos de despregamento de rede de Movistar”, unido aos plans de extensión desta infraestrutura, como o Plan de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración -PEBANG e o Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (Único-Banda Larga), impulsados ambos polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
A operadora tamén fai saber que malia alcanzar “este alto índice de cobertura, o despregamento da rede de fibra, centrada agora nas áreas máis rurais e orográficamente máis complexas, continuará polo menos ata decembro do 2023, cando se alcanzará case o 94 por cento das unidades inmbiliarias de Vigo”. As máis apartadas, ás que sexa imposible conectar por FTTH, poderán dispor de banda larga vía radio ou satélite.
En virtude destes avances, engade a firma de Telefónica, “fogares conectados por FTTH poden gozar xa da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de forma simultánea e sen reducir a velocidade de conexión, entre outras vantaxes”.
A rede de FTTH de Movistar chega xa ao 93% das unidades inmobiliarias de Vigo
Compartir Este Artigo

