A Xunta adxudicou 1,2 millóns de euros en axudas do seu Hub Audiovisual a 12 produtoras galegas para “propiciar o desenvolvemento simultáneo de 47 futuros proxectos para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda”. Trátase dun fondo concibido como capital semente co obxectivo de que “cada unha das beneficiarias poida traballar na preprodución de entre tres e cinco títulos á vez, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción”, informou a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), engadindo que outra das finalidades é reactivar “a contratación de profesionais e servizos relacionados”.
Segundo a resolución publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, Abano Producións, Cósmica Producións, CTV, Ficción Producciones, Filmika Galaika, Frida Films, Maruxiña Film Company, Miramemira, Portocabo TV, Somadrome Films, Vaca Films Studio e Zeitun Films son as beneficiarias desta convocatoria extraordinaria, a través da que recibirán diferentes contías que oscilan entre os 65.000 e os 150.000 euros.
AGADIC engade que estas subvencións están inspiradas no modelo Slate Funding do subprograma Media de Europa Creativa e pensadas especificamente para paquetes de proxectos sobre os que as produtoras beneficiarias teñen dereitos suficientes de propiedade intelectual, así como un acordo ou precontrato coas persoas encargadas do guión e da dirección. A Xunta quere contribuír deste xeito a “dotalas dos medios suficientes para afrontar a preprodución en paralelo das súas propostas, entre as que se atopan longametraxes e series de ficción, animación e documentais”.
Case medio cento de proxectos galegos para cinema, TV e plataformas reciben 1,2 millóns en axudas
Compartir Este Artigo

