O Pont-Up Store regresa en setembro á praza de España de Pontevedra, os días 23 e 24. Faino, en palabras da organización (Grupo G4 Plus da UVigo e Concello), despois “dun arduo traballo de selección” que obrigou ao comité organizador a escoller entre 150 candidaturas recibidas. Finalmente serán perto de 40 empresas as seleccionadas para participar nesta novena edición, con emprendementos que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas, e tamén por levar a sustentabilidade na cerna do seu negocio. Con respecto á procedencia, o rural galego continúa emerxendo con forza e xa supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades; por xénero, son as mulleres as que máis emprenden; e dentro das fórmulas xurídicas escollidas polos emprendementos galegos, cotiza á alza a economía social.
En total, van participar nesta edición 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 5 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e 4 participarán tamén na feira de talento Pont-Up Exprés, listaxe á que se sumarán outras 3 iniciativas empresariais para completar un total de 7 ideas de negocio que recibirán o feedback do xurado nesta edición.
Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de proximidade ao tempo que permite gañar un diñeiro coa xestión das árbores. Trátase da primeira green fintech española que permite descarbonizar grazas a un marketplace que dá acceso a empresas e propietarios forestais. No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os seus servizos en atender as necesidades do noso rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons. A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para envíos de paquetes omo para persoas. Co sector dos videoxogos en plena expansión no noso país, a empresa Digital Monster dará a coñecer en Pontevedra a súa produción de videoxogos galegos e tamén servizos de outsourcing para outras empresas, realizando traballos de arte, animacións, deseño de entornos, ou advergame. En canto ao coidado persoal e das nosas mascotas, Supermenta chega cunha liña de produtos especializados feitos a base de cannabis; e Yowup innova cun iogur para gatos e cans. O sector do téxtil volve contar con propostas destacadas entre as que destacamos Iniqual, por lanzar unha marca de xénero non binario especializada en roupa de confort; e Mexas, que nos trae zapatos de coiro 100% feitos a man en México con tintes vexetais. O sector da alimentación está representado por novos negocios que xorden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta e que poñen en valor a nosa tradición gastronómica. Neste caso Vioncas Bake chega cunha liña de empanadillas gourmet artesás, que se venden a toda España e Portugal.
Actividades demostrativas na carpa
Dentro da carpa da praza de España programaranse demostracións dalgunhas das empresas participantes. É o caso de Bágoas Fóra, unha empresa de fabricación de material didáctico e xogos educativos que propón un obradoiro para que as crianzas entre 4 e 12 anos creen un portalapis de madeira. A empresa especializadas en obradoiros creativos Matinée Club Creative, ensinaranos a crear un obxecto decorativo utilizando eco-resina, e Casperlota Atelier mostraranos como elaborar unha boneca en la de ovella con técnicas de impresión botánica. A empresa de produtos para mascotas DairYPet, organizará unha demostración de axilidade coa colaboración do equipo de Diverticans.
Amais, o espazo Pont-Up Exprés permitirá a 7 iniciativas empresariais presentar os seus proxectos a un xurado integrado por catro representantes de importantes empresas e entidades galegas. A finalidade desta actividade é “facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e o tecido empresarial galego de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil, que se organiza en presentacións de cinco minutos de duración”. Ao remate da exposición de cada proxecto, as persoas escoitantes darán un feedback e farán unha valoración a partir dos criterios relacionados coa súa experiencia e sector de actividade. As empresas seleccionadas nesta edición son:
-Truck Training Services é a primeira empresa en España que desenvolve software de mantemento de frotas de recollida de residuos urbanos.
-Navia 3D. Desenvolve solucións visuais e interactivas baseadas no 3D para a Industria 4.0 e o ámbito da cultura, turismo e o patrimonio.
-Skeirrum. Salas de escape ao aire libre. O obxectivo é achegar aos mozos a contornas que non adoitan frecuentar utilizando como ferramenta un xogo e o seu smartphone.
-Beniu soluciones SL. Empresa de servizos que utiliza técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drons.
-Alén S Cooop Galega. Mellora na integración da sostibilidade nas organizacións.
-Mareira Bizi S. Coop Galega. Especializada na transferencia do coñecemento científico máis actual para promover a sustentabilidade do medio mariño.
-Milculturas. Consultora de innovación para a xestión do patrimonio cultural.

