Asus anunciou estes días un produto moi interesante para certos fogares que teñen problemas para gozar dunha boa rede Wi-Fi e queiran ter unha boa conexión por cable aproveitando a instalación que xa teñan da antena de televisión. Falamos do adaptador MoCA Asus MA-25, que converte o cable coaxial en Ethernet, permitindo unhas velocidades de ata 2,5 Gbps e permitindo engadir dispositivos á rede creada con so premer un botón (dun xeito semellante a como funciona o WPS nas redes sen fíos). Esta solución tamén conta cunha latencia reducida, polo que sería apta para gozar de videoxogos.
O interesante desta solución é que non precisa de ferramentas para a súa instalación, xa que chega con conectar adaptadores nas tomas de antena do fogar para comunicalas, o que resulte especialmente práctico para vivendas de varios andares nas que é complicado montar redes Wi-Fi sen zonas de sombra. De feito, o adaptador podería servir para conectar un router secundario lonxe do router principal sen ter que realizar obras, achegando así Internet (por cable ou Wi-Fi) a zonas afastadas ás que non chegaría cun único router.
O uso de cable coaxial para achegar a Internet aos fogares non é ningunha novidade e, de feito, é a tecnoloxía elixida nos seus inicios por operadores de telecomunicacións como R (que empregaban o mesmo cable para o servizo de televisión e o da Internet), pero desta volta poñen o aproveitamento do cableado de antena no lado do usuario, quedando por saber se esta solución resulta tan económica como para que compense o seu uso fronte á instalación de fibra óptica dentro do fogar.
Asus presenta un adaptador para aproveitar o cable da antena de televisión para datos
Compartir Este Artigo

