O Concello de Lugo, a través da Concellería de Muller e Igualdade que dirixe Silvia Alonso, puxo en marcha por segundo ano consecutivo o certame Lugo pola Igualdade, que recompilará vídeos na rede social TikTok. Esta actividade forma parte dos actos que organiza a Concellería, e que se presentarán nas vindeiras semanas, para conmemorar o Día Internacional Contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, que se celebra o 23 de setembro.
O obxectivo desta convocatoria é “potenciar a reflexión e a concienciación sobre a igualdade e contra a explotación sexual e tráfico de mulleres a través da actividade creativa”. Para isto, elixiuse a plataforma TikTok, pola “facilidade de creación que proporciona e por ser unha das redes sociais favoritas da mocidade”, explicou a concelleira, quen animou á participación das e dos veciños de Lugo. Asemade, lembrou que con esta iniciativa se visibiliza a trata de persoas, que segundo un informe do 2020 elaborado pola UNODC (Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito), o 65% das vítimas detectadas son mulleres (46%) e nenas (19%).
Como participar
Para formar parte deste certame cómpre subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir formulario de inscrición, onde tamén se poden consultar as bases. A duración máxima das obras será dun minuto e “pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social”, explicou a concelleira, engadindo que é imprescindible que a conta sexa pública. Poderán participar todas aquelas persoas que residan, traballen, estudien ou naceran en Lugo maiores de 14 anos e non serán admitidas obras con linguaxe xenófoba, machista, homófona, racista, violenta ou de incitación ao odio.
Tal e como explicou Silvia Alonso, os vídeos deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres (proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución, etc.)
O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros. A data para a inscrición, que é totalmente gratuíta e online, é do 5 ao 23 de setembro de 2022 (ambos os dous días incluídos) e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual.
Lugo lanza un concurso en TikTok para sensibilizar sobre a trata de mulleres
Compartir Este Artigo

