O Toupiciencia Show, xira divulgativa de índole científico-tecnolóxica organizada por A Xanela do Maxín e impulsada ao abeiro de FalaRedes (Secretaría Xeral de Política Lingüística), vén con forza este mes de setembro: cunha parada en Pontedeume (este 2 de setembro na Casa da Cultura) e con recaladas en varios concellos de Ourense, Lugo e Pontevedra. Trátase dun espectáculo de monicreques para público infantil e familiar no que se fomenta e promove a divulgación científica en galego nun espazo de convivencia e proximidade. Nel tamén se comparten experiencias e ábrese o camiño ao diálogo e interacción.
Os protagonistas da actividade, amais da rapazada do público, son a Toupiña e o seu axudante Protonio, que andan a buscar ás persoas científicas do futuro e para iso exploran facendo divertidos e dinámicos experimentos utilizando o método científico, promovendo a curiosidade e mostrando a gran importancia que ten o facer preguntas para poder avanzar.
Axenda de FalaRedes 2022
17 de setembro, ás 18:30 no Castelo de Castro Caldelas, Ourense
18 de setembro, ás 19:30, na praza do Toural, Sober, Lugo
23 de setembro, ás 17:00, no Centro Sociocultural de Vedra, A Coruña
24 de setembro, ás 18:00, na praza da Biblioteca de Lalín, Pontevedra
6 de outubro, ás 18:00, no Espazo Apego da rúa República do Salvador, nº 12, Santiago
A serie
A xira Toupiciencia está baseada na miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á nenez con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un, materializados co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüísitica. Neles, Toupiña e outros monicreques descubren o mundo da ciencia e as tecnoloxías a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas. O proxecto conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros. Os capítulos están dispoñibles no Portal da Lingua de Política Lingüística.
O Toupiciencia Show prosegue a súa xira nesta recta final no verán
Compartir Este Artigo

