Os investigadores do CITIC Ángel López Oriona e Beatriz Piñeiro Lamas participaron no Joint Statistical Meetings (JSM), que se celebrou do 6 ao 11 de agosto en Washington D.C. organizado pola American Statistical Association (ASA). Segundo informou o Centro de Investigación TIC, trátase dun dos eventos de estatística máis grandes do mundo, con máis de 6.500 participantes de 52 países. Os temas que aborda van desde as aplicacións estatísticas á metodoloxía e a teoría, ata os límites en expansión da estatística, como a análise e a ciencia de datos.
Na xornada do domingo 7, Ángel López Oriona presentou o traballo Machine Learning for Multivariate Time Series with the R Package Mlmts, que desenvolveu xunto con José A. Vilar. Pola súa banda, Beatriz Piñeiro Lamas expuxo o martes 9 o estudo Maximum Likelihood Estimation in Single-Index Mixture Cure Models in the Presence of a Vector Covariate, realizado xunto con Ana López Cheda e Ricardo Cao Abad.
Este congreso foi un punto de encontro con persoal investigador e profesionais que están a traballar no ámbito da estatística e ciencia de datos, polo que supuxo unha oportunidade para difundir os resultados dos proxectos que se están desenvolvendo no CITIC.
Beatriz Piñeiro e Ángel López, investigadores do CITIC, participan nun dos encontros de estatística máis grandes do mundo
Compartir Este Artigo

