A segunda edición da Mobile Week Ourense, que se celebra esta semana (entre o xoves 15 e o domingo 18 de setembro), ofrece máis de 70 actividades nun amplo programa que inclúe obradoiros, charlas, conferencias, demostracións e formación tecnolóxica. O obxectivo é achegar, “dun xeito accesible e amigable” os novos fenómenos TIC ao público infantil, á mocidade, ás familias, aos docentes, á poboación sénior e aos profesionais do sector. O coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez, destacou o carácter participativo do programa.
Para alcanzar un dos principais obxectivos desta iniciativa (loitar contra a fenda dixital achegando a tecnoloxía á cidadanía) a organización do evento apostou por “agrupar as actividades en torno a perfís e segmentos de idade concretos”. Pero, ademais, apunta Fernando Suárez, “procuramos encaixar estas accións de tal modo que cando o público infantil e xuvenil se interese por unha determinada tecnoloxía, os pais e os educadores tamén teñan acceso a eses avances para poder guiar e asesorar a fillos e alumnos”.
Nesta liña, no programa de actividades pódese comprobar como se mesturan as propostas, caso da aprendizaxe por gamificación (uso de xogos) e a Realidade Aumentada, ou o chamado VolunTIC, voluntariado tecnolóxico no rural.
Pais e educadores tamén terán a oportunidade de profundar no impacto da tecnoloxía na adolescencia, cos riscos e oportunidades que implica, ou como educar contra as novas falsas.
Para os maiores, a programación foi deseñada pensando “nun punto de vista moi práctico e naqueles ámbitos que lles son máis interesantes”, sinala Fernando Suárez, citando cuestións como a seguridade nos móbiles, pautas de vida saudables, a tecnoloxía como medio para conseguir unha sociedade máis inclusiva, a teleasistencia ou a tramitación electrónica co DNI.
A Mobile Week Ourense, que nace baixo a alianza da Deputación e Mobile World Capital Barcelona, vén ademais con outra característica salientable: o seu carácter deslocalizador. “A dixitalización e unha importante ferramenta para loitar contra a despoboación no rural”e dado que o obxectivo é achegar a tecnoloxía á veciñanza apostamos por organizar actividades por todo o territorio”, destaca o coordinador da Mobile, engadindo que a máis alá destas 70 iniciais programadas “temos capacidade para achegar novas iniciativas”, polo que se pon a disposición dos interesados a posibilidade de solicitar a celebración de accións en concellos ou asociacións a través do enderezo electrónico mobileweekourense@depourense.es.
Obradoiro para maiores en San Xoán de Río
Neste ámbito da deslocalización e logo de que os escolares de Infantil e Primaria do Irixo gozaran dun contacontos sobre ciberseguridade, os seguintes protagonistas do programa previo á Mobile foron os maiores de San Xoán de Río, concello onde se celebrou un taller no que se explicaron conceptos básicos da Internet e o uso de aplicacións para mensaxes instantáneos. Coa asistencia de máis dunha ducia de veciñas e veciños e ao longo de dúas horas, no obradoiro falouse da transformación dixital da sociedade e de termos comúns na internet como a “nube”.
A Mobile Week Ourense ofrece máis de 70 accións para quitar ferro á tecnoloxía
Compartir Este Artigo

