O espazo colaborativo A Proa do Concello de Ames (centro de coworking abeirado á Rede de Espazos Colaborativos da Deputación da Coruña) organiza para o venres, 16 de setembro, ás 18.00 horas, unha nova actividade denominada Taller de seguridade informática nas PEME. Este obradoiro significa a volta á actividade da Proa logo da paréntese de xullo e agosto. O coworker Rafael Yáñez, promotor do proxecto Impulsa Dixital (xunto a súa compañeira Isabel Viñas), será o encargado de impartir dito taller. A inscrición para esta actividade pode realizarse de balde online na web do espazo de traballo colaborativo de Ames.
Nesta actividade falarase das normas básicas da LOPD; como garantir a protección dos datos e dos medios informáticos; e como navegar pola Rede e empregar o correo electrónico de xeito seguro. Ademais, coñeceranse ferramentas de seguridade de hardware, software e das redes. Por último afondarase na formación do usuario.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “despois dun breve parón durante os meses de xullo e agosto retómanse as actividades no centro de coworking A Proa”.
A Proa (Ames) volve á actividade cun obradoiro sobre seguridade informática para as pemes
Compartir Este Artigo

