A Cámara de Comercio de Santiago prosegue este outono coas súas actividades formativas centradas nas diferentes facetas da transformación empresarial e nas oportunidades variadas que ofrece a dixitalización para facer avanzar ás empresas en competitividade, radio de acción, eficacia e rendibilidade. Este 20 de setembro, sen ir máis lonxe, a entidade organiza a xornada Como realizar unha campaña publicitaria en redes sociais? Será en horario de 10.00 a 11.15 horas.
Inclúe unha breve presentación dos obxectivos e metodoloxías da Oficina Acelera PEME, servizo de transformación empresarial impulsado por Red.es e que conta coa colaboración de entidades como a Cámara de Santiago. Amais, introducirase aos presentes nos seguintes conceptos: como elaborar a estratexia da campaña, como definir o público obxectivo, como configurar unha campaña e de que trucos podemos botar man para mellorar a efectividade dunha campaña.
A persoa encargada de impartir os contidos será Fernando Rodríguez da Torre, director da axencia de publicidade con C de Comunicación, profesor no Máster de Marketing Dixital da USC e director de BriefingGalego.com, portal de referencia do sector da mercadotecnia e da publicidade en Galicia.
As Oficinas Acelera PEME (OAP) inclúense non Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.
A Cámara de Santiago móstranos como realizar unha campaña de publicidade nas redes sociais
Compartir Este Artigo

