Estes días celebrouse en Chantada un acontecemento que abre novas vías para cubrir o noso rural e as nosas zonas máis illadas da mellor cobertura posible e de Internet de alta velocidade: a posta en servizo da tecnoloxía XGS.-PON da operadora neutra Rede Aberta. Celebrouse na Adega Vía Romana, na Ribeira Sacra. “Somos pioneiros en ofrecer esta tecnoloxía no noso rural, unha despregadura que multiplica por 10 a velocidade de Internet por fibra”, salientaron os responsables de Rede Aberta.
Na presentación, Pere Antentas, director executivo (CEO) de Rede Aberta, explicou que a dita tecnoloxía permite ás empresas dos concellos non urbanos competir en “igualdade de condicións” coas localizadas nas vilas e nas cidades. “Estamos a anticipar o futuro. A demanda de largo de banda medra exponencialmente debido á dixitalización das empresas”, comentou, engadindo que Galicia é primeira comunidade autónoma de toda España en dispor desta “tecnoloxía revolucionaria” que beneficiará ás empresas do rural.

Pere Antentas, explicou que o XGS-PON ofrece ás empresas do ámbito rural unha conexión “ultrarrápida”, un “servizo esencial para poder competir en igualdade de condicións coas que se atopan nunha contorna urbana”. E engadiu: “Achegamos este servizo pola nosa vontade de anticipar o futuro e o compromiso coas empresas e cidadáns que queren emprender e desenvolver as súas vidas no rural. E deben dispor dos mesmos dereitos que aqueles que residente en contornas urbanas”.
Segundo expuxo, “a demanda de largo de banda crece exponencialmente” e nos próximos anos será necesario dispor dunha conexión de 10 Gbps, tanto de subida como de baixada. Servizos como a computación na nube, o vídeo de alta definición, o teletraballo ou o metaverso requiren de maiores capacidades de banda larga”, engadiu.
Na cita tamén estivo presente José Ángel Castiñeira, director de Enxeñaría de Rede Aberta, quen explicou que a tecnoloxía XGS-PON supón “máis velocidade, menos latencia e maior radio de acción para as ligazóns”. Deste xeito, engadiu, pásase de 1Gbps a 10 Gbps e a latencia rebáixase de 4 milisegundos a 1 milisegundos, “catro veces menos”. A maiores, a distancia típica da ligazón óptica pasa de 20 quilómetros a 40 quilómetros, o que supón “duplicar” a capacidade de instalación, “sobre todo nunha comunidade cunha elevada dispersión da poboación, como é o caso de Galicia”, comentou.
Pere Antentas puxo de exemplo a oportunidade que representa a nova tecnoloxía para empresas como Vinigalicia, propietaria de Vía Romana e con adegas nas cinco denominacións de orixe de Galicia, que mantén a súa sede en Chantada. Tamén lembrou que Rede Aberta é unha empresa que acaba de cumprir “dous anos de actividade” e xa está “presente en 39 municipios do rural, con máis de 1,3 millóns de quilómetros de cable tendido para dar servizo de fibra óptica neutra a máis de 181.000 fogares”. Segundo anunciou, a compañía ten previsto investir 121 millóns ata 2025 para chegar a 400.000 fogares e incrementar os servizos de fibra escura, housing e ethernet VPN para as empresas, sobre todo, aquelas que desenvolven a súa actividade no ámbito rural. Así mesmo, a compañía está a promover, xunto a outros socios especializados, a construción dun centro de datos na Ribeira Sacra para ofrecer servizos de Edge Computing. O obxectivo é que as empresas teñan os seus datos próximos, sen necesidade de estar nos macrocentros de datos, situados en lugares remotos e que requiren de elevadas cantidades de enerxía. A tecnoloxía XGS-PON ofrecerase na primeira fase de desenvolvemento nas comarcas de Chantada (Lugo) e Melide (A Coruña) e despois estenderase a outros municipios do ámbito rural. Para iso conta coa colaboración de provedores tecnolóxicos como ZTE, Huawei, Alea Soluciones e as galegas Optare Solutions e Dinahosting, entre outras firmas.
Rede Aberta, pioneira en ofrecer tecnoloxía XGS-PON no rural galego
Compartir Este Artigo

