Este 16 de setembro presentouse na Cidade da Cultura o novo proxecto da produtora CTV: a transformación en proxecto transmedia da serie Dalia a modista, que podemos ver na TVG, a través da sección Á Carta, Galicia en Series. En concreto, deuse a coñecer a súa transformación en novela, un chimpo da televisión ao mundo editorial que foi posible grazas á adaptación da escritora ourensá Noe Martínez.
O libro, que xa está á venda nas librarías da nosa terra, en galego, foi dado a coñecer polo produtor executivo de CTV e guionista de Dalia, a modista, Ghaleb Jaber Martínez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; e a autora da novela e tamén guionista da serie de televisión, Noe Martínez. Tamén asistiu ao acto parte do elenco da serie, como a actriz protagonista María Mera, e o actor Manuel San Martín.
Ghaleb Jaber Martínez agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, CRTVG e o traballo de todo o equipo de CTV. Ademais, matizou que se trata dun proxecto editorial de grande innovación no que se transformou unha serie de televisión en novela, grazas ao esforzo de adaptación do guión en literatura realizado por Noe Martínez, polo que animou aos lectores a “redescubrir e descubrir algo novo desta historia”. Jaber Martínez lembrou que coa serie Dalia, a modista CTV arrancou unha nova etapa, conseguindo que unha produción en galego se vise en América Latina, Estados Unidos e Europa, ofrecendo así ao audiovisual en galego a posibilidade de viaxar.
Noe Martínez explicou que o proceso creativo e de adaptación do guión á novela significou unha viaxe á inversa, “do universo creado e sentido en imaxes ao mundo das palabras, sempre rico e único, co que hai que transmitir emocións xa contadas, coma se fosen novas”.
Pola súa parte, Xaime Arias amosou a satisfacción que supuxo para a CRTVG participar neste libro porque implicou explorar e innovar. “Os paradigmas cambiaron na comunicación de ficción, nas plataformas, na televisión lineal e á carta. Levamos varios anos buscando o camiño que nos leve ao cidadán, ao público, e por iso estamos neste proxecto innovador de CTV, unha empresa arriscada e innovadora”.
Pola súa banda, Valentín García sinalou a importancia de que a literatura galega se incorpore a unha das tendencias emerxentes nestes momentos, como son as novelas e os relatos literarios xurdidos a partir das series televisivas de éxito.
A novela acompáñase na súa promoción online dun vídeo promocional que xa podemos reproducir.
A serie Dalia a modista, dispoñible na sección Á Carta da TVG e en formato libro
Compartir Este Artigo

