A Universidade de Vigo presentou o seu programa de actividades para celebrar a segunda edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), cuxa primeira entregan foi un notable éxito de mobilización (participaron máis de 6.000 persoas nas actividades organizadas e desenvolvidas por preto de medio millar de investigadoras e investigadores, así como por persoal técnico). Este ano haberá máis de 70 actividades de divulgación. Haberá obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos.
Coordinada pola UVigo, que lidera un consorcio formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos, a G-Night 2022 chegará na súa segunda segunda edición (o vindeiro venres 30 de setembro) a unha trintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.
Até 400 persoas, entre persoal científico e técnico, participan este ano na organización da G-Night 2022, que se desenvolverá simultaneamente o vindeiro venres en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions e que no caso de Galicia se desenvolve cos recursos propios das 10 entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia, MUNCYT, Museo Nacional de Ciencia y Tecnología e os Museos Científicos Coruñeses.
Este luns 26 celebrouse no Berbés (Vigo) a presentación do evento. Participaron a vicerreitora da Investigación, transferencia e innovación, Belén Rubio, e a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais, Mónica Valderrama, que incidiron en que as actividades da G-Night permiten “achegar á cidadanía en xeral e aos cativos en particular conceptos que son máis abstractos, cunha aplicación máis directa e máis doada de comprender”.
A praza do Berbés será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, onde o edificio Redeiras, o Café Vitruvia e o Porto, completan as localizacións das actividades da Noite.
Entre as 18.00 e as 21.00 horas a praza do Berbés acollerá a expo-feira científica, organizada pola UVigo e o Instituto Español de Oceanografía (IEO), na que se situarán a ducia de postos, nos que integrantes de grupos da investigación de ambas institucións, achegarán os seus coñecementos ao público asistente.
O edificio Redeiras, pola súa banda, acollerá, desde as 18.00 horas, cinco charlas e un coloquio nos que as aplicacións das matemáticas, a prevención das inundacións ou as linguas ea tecnoloxía, serán algúns dos temas que se abordarán. Entre as 18.00 e as 19.00 horas o público asistente poderá seguir en directo as charlas do CITMaga, que se celebran en Santiago de Compostela e nas que participarán María José Ginzo, María Isabel Borrajo e Tomas Otero, investigadores da USC. A partir das 19.00 desenvolveranse dúas sesións en directo no edificio Redeiras, a cargo de Juan Vidal, do departamento de Estatística e investigación operativa da UVigo e de Sara Recondo, investigadora predoutoral da UDC. Ás 19.45 comezará unha charla.-coloquio na que os investigadores Inmaculada Anaya do Grupo en gramática, discurso e sociedades e Miguel Cuevas de LVTC, ambos da UVigo, amosarán as achegas do coñecemento lingüístico nos ámbitos da tecnoloxía e a empresa.
Pola súa banda, entre as 20.30 e as 22.00 horas no Café Vitruvia desenvolveranse tres charlas, dirixidas especialmente a público adulto e nas que os investigadores e investigadoras da UVigo Adreu Blanco (CIM), Elena Alonso (Cintecx) e Victor Hernando (CIM), abordarán, respectivamente: a protección dos mares, o papel dos recursos minerais na descarbonización e dixitalización da economía e os microorganismos degradadores de plásticos. As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos que o persoal do grupo de investigación Geoma realizará a bordo da embarcación de prospección Inndaga e nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de prospección e investigación oceanográfica. Os paseos dunha hora de duración, comezarán ás 16.00 horas, con saída desde o porto de Vigo e as prazas xa están completas.
As actividades da G-Night en Ourense comezarán no salón de graos do Edificio de Ferro do Campus ás 18.00 horas con tres obradoiros sobre tres escrituras da Antigüidade, organizados por persoal investigador do Grupo de estudos de arqueoloxía, antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo.
A partir das 20.30 horas as actividade da Noite Galega das Persoas Investigadoras en Ourense desprazarase ao Café & Pop Torgal, que será o escenario de tres charlas que impartirán investigadoras e investigadores Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia. As charlas virán da man de Breogán Riobóo, Carmen Verde e Paula Frieiro.
No caso da cidade de Pontevedra, as e os investigadores da UVigo achegarán os seus coñecementos ao público a través de tres charlas que se desenvolverán en La Gramola a partir das 19.30 horas. A combustión: moito máis que lume e gases é o titulo do relatorio que ofrecerá Juan Jesús Rico, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética; mentres que José Carlos Ardao do centro AtlantTIC, ofrecerá unha charla titulada A Intelixencia Artificial que nos rodea. Pola súa banda, Olalla González, do Grupo de Procesos de Separación Avanzada falará de Tecidos intelixentes: innovando na industria téxtil.
Cómpre destacar que entre os meses de xuño e setembro organizáronse 36 charlas de divulgación científica en 18 centros educativos de Vigo, Cambados, Ourense, Lugo, Tomiño, Nigrán, Redondela e Moaña. Trátase da iniciativa Researchers at Schools coa que se pretende achegar o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás escolas e institutos e dar a coñecer ademais as actividades da G-Night.
Os campus de Vigo poranlle un altofalante á divulgación científica na segunda G-Night
Compartir Este Artigo

