Dentro da liña de cámaras fotográficas sen espello de Sony os modelos Alpha 7R caracterízanse pola súa alta resolución de cara ao disparo de fotografías detalladas (mentres que a serie 7S estaría orientada á gravación de vídeo), e agora que chega á súa quinta xeración, en vez de incrementar a súa resolución o fabricante xaponés optou por mellorar o seu sistema de enfoque automático cunha avanzada unidade de procesamento baseada en intelixencia artificial.
A nova Sony α7R V é unha cámara sen espello con obxectivos intercambiables baseada nun sensor de 61 Mpíxeles que tamén é capaz de gravar vídeo 8K, integra un novo monitor multiángulo de 8 eixes para unha maior versatilidade, que está orientada claramente a fotógrafos que grazas á intelixencia artificial poden gozar dun sistema de seguimento en tempo real constante, cun sistema de enfoque automático rápido e preciso, que destaca por non limitarse a recoñecer caras de persoas e mascotas, senón que agora recoñece numerosos obxectos (incluíndo vehículos e insectos) o que supón unha importante mellora no sistema de enfoque, o que agradecerán os que teñan que captar imaxes de elementos que se movan ou incluso para fotografía de natureza.
A cámara tamén pode disparar de xeito continuo ata 10 imaxes por segundo con seguimento AF/AE, a súa captura silenciosa e sen vibracións pode captar ata 7 imaxes por segundo, e o seu amplo buffer permite que poida realizar disparos continuos de ata 583 imaxes en RAW comprimidas a alta velocidade.
Todo un portento que chega ao mercado a un prezo oficial de 4.500 euros, mentres que o seu modelo anterior (lanzando hai uns 3 anos) mantén o seu prezo oficial en 4.000 euros, sendo a principal diferenza entre ambas o novo sistema de enfoque automático, que é sen dúbida o máis avanzado de Sony ata o momento.
Vídeo promocional da nova Sony α7R V

