Máis de 6.200 persoas e preto 700 empresas beneficiáronse das actividades do centro GaiásTech en ano e medio. Desde a súa posta en marcha en xuño de 2021 e ata decembro de 2022, o Gaiástech organizou máis de 150 actividades. O Centro, situado na Cidade da Cultura de Galicia, concibiuse como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas e de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.
O centro está á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Ten tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.
A súa superficie, de máis de 500 metros cadrados, conta cun espazo de inmersión interactivo, orientado a experiencias de realidade virtual e aumentada así coma o uso de material disruptivo coma impresoras 3D, drons ou gafas de realidade virtual. Conta tamén con salas de ideación con equipos interactivos para acoller actividades e desenvolver proxectos.
O centro ofrece servizos como o GaiasTechCloud, para a realización de probas de software libre na nube, demostracións de solucións tecnolóxicas, reservas de espazos ou o desenvolvemento de xornadas temáticas. Incorpora tamén un servizo de vixilancia tecnolóxica para a identificación de tendencias dixitais. Funciona, así mesmo, como un centro de asesoramento que pon a disposición da industria e do coñecemento espazos para experimentación con equipos de realidades virtual e aumentada.
De xeito paralelo a este espazo físico, GaiásTech dispón dun xemelgo dixital no que se localiza a axenda tecnolóxica da Galicia, ademais de dispoñer dos seus propios espazos virtuais e actividades e permite a retransmisión e participación non presencial en calquera actividade.
Mapa de capacidades dixitais
O GaiásTech tamén ofrece un Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas.
Actualmente, conta con 325 entidades, 478 produtos, 904 servizos e 77 tecnoloxías. Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade.
A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve ás entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa.
O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar as empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.
