O Centro Tecnolóxico Gradiant, referente galego, estatal e internacional do desenvolvemento de ferramentas e servizos disruptivos, fixo balance dos seus logros recentes en materia de investimento europeo, impulso tecnolóxico, iniciativas avanzadas e transferencia. No reconto de fitos infórmase que o centro vigués foi quen de captar 10 millóns de euros en proxectos europeos de I+D desde 2010: 2,1 millóns deles no último ano.
Amais, desenvolveu xa 36 proxectos no ámbito europeo e sitúase xunto coa Asociación de Innovación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) entre os principais tractores privados de innovación en Galicia segundo datos da Comisión Europea. Desde os seus comezos, Gradiant fixo posible a participación de 44 entidades galegas en iniciativas europeas, 12 delas pemes, cun retorno de máis de 19 millóns de euros para Galicia.
No balance destácase tamén que o centro vigués é provedor de máis de 370 clientes diferentes desde a súa creación, e que o 90% dos proxectos tecnolóxicos concibidos e desenvolvidos por Gradiant son utilizados polas empresas.
Para o centro tecnolóxico 2022 foi un ano récord, cuns ingresos estimados de 8,5 millóns de euros, un 41% máis que o ano anterior. A súa actividade innovadora medrou en 2022 por encima das súas previsións, que situaban nun 7,5M€ no marco do seu plan estratéxico 2022-23. O crecemento superou mesmo o que o centro agardaba para o ano 2023.
“O crecemento récord experimentado por Gradiant no último ano”, engadiron fontes do centro no balance de fitos, “débese ao aumento da contratación de proxectos de I+D por parte de empresas privadas, que se triplicou desde 2019 e sitúase xa en 5 millóns de euros”, colaboración que tivo presenza en países como Alemaña, Brasil, Colombia, México ou Vietnam, entre outros. “No último ano, á nosa clientela habitual, formada por pequenas e medianas empresas, sumáronse grandes multinacionais, coas que estamos a traballar en proxectos de calado e que impulsan a nosa facturación” explica Fernando Jiménez, xerente de Gradiant.
“Queremos ser a punta de lanza da transición tecnolóxica do tecido empresarial galego, tanto a través de proxectos innovadores europeos que nos/nos permitan avanzar en ámbitos descoñecidos ata o de agora, como na colaboración con empresas na adopción de solucións de innovación que transformen a súa día a día grazas a tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou a 5G” conta Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant.
Gradiant atrae 10 millóns de investimento europeo en innovación a Galicia
Compartir Este Artigo

