A Xunta presentou os detalles dun proxecto que recreará virtualmente o noso territorio sobre unha base cartográfica e permitirá, en palabras do Goberno galego, “xestionar datos e facer predicións e simulacións con Intelixencia Artificial”. O Xemelgo Dixital de Galicia (XDG) é unha das tres iniciativas promovidas pola Xunta que forman parte dos 11 proxectos emblemáticos de transformación dixital seleccionados polo Goberno central ao abeiro da primeira fase do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, xunto coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rura e o Instituto de Estudos do Territorio desenvolverán a reprodución virtual de Galicia con feitura, como dixemos, de xemelgo dixital. “Esta ferramenta permitirá planificar e xestionar de forma intelixente, en base a simulacións e analíticas de predición, a prestación de servizos e actuacións públicas e privadas, sobre todo en contornas rurais”, explicaron fontes das ditas entidades.
O xemelgo dixital artéllase en torno ao proxecto Territorio Intelixente e o Sistema de Información Xeográfica da Xunta de Galicia (SIX). As principais aplicacións terán que ver coas actividades agrarias, a mobilidade interurbana e a xestión de infraestruturas rurais. O alicerce do proxecto, segundo informaron as ditas entidades, está xa consolidado grazas á experiencia previa de iniciativas innovadoras como Aldeas Intelixentes; coa posta en marcha dunha rede de Internet das Cousas (proxecto iCousas), xestionada de maneira centralizada e con cobertura do 71% do territorio; con actuacións integradas no Civil UAVs para o uso de aeronaves non tripuladas; ou co modelo único, modular e configurable de comunidade enerxética.
Entre os retos do xemelgo dixital están “o mellor aproveitamento dos recursos públicos e as infraestruturas” para acadar “un modelo de transporte sustentable en base a datos históricos e predición de tendencias; a creación de ferramentas e técnicas para impulsar a optimización dos recursos agrarios e gandeiros”; ou “facilitar a captación, a análise de datos e a simulación para a toma de decisións operativas máis eficientes na xestión das infraestruturas rurais”.
Segundo engaden as ditas axencias autonómicas, o xemelgo dixital funcionará como unha ferramenta aberta e colaborativa con outros territorios, amais de contar con servizos como simulador de escenarios; visualización 2D, 3D e 5D; visor GIS; cadro de mandos; mapa de rúas interactivo ou información de meteoroloxía e clima. Utilizará tecnoloxías de intelixencia do dato, como servizos analíticos, recursos de machine learning, algoritmos de IA, capa de modelado de datos e un espazo de datos (lago de datos federado da Xunta de Galicia).
Os datos procederán de sensores de Internet das Cousas (IoT), cámaras fixas, aeronaves non tripuladas (UAV) e estacións meteorolóxicas.
A iniciativa galega, con orzamento de 4 millóns de euros, forma parte do proxecto RETECH, no que tamén participan as comunidades da Rioxa, Estremadura, Navarra e Castela A Mancha.
AMTEGA co-impulsa un proxecto para recrear virtualmente Galicia e xestionar o territorio
Compartir Este Artigo

