A Universidade de Vigo e o CESGA participan nun proxecto Erasmus+ para fomentar as capacidades do alumnado en tecnoloxías de obxectos conectados. Na iniciativa, liderada pola Universidade de Liubliana (Eslovenia), concorren oito docentes e investigadores e investigadoras do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, coordinados por Edita de Lorenzo Rodríguez. O proxecto chámase Developing competences on the Internet of Things through digital fabrication laboratories (Desenvolvemento de competencias na Internet das cousas a través de laboratorios de fabricación dixital) e conta tamén coas achegas de varios centros tecnolóxicos europeos (amais do Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA), que son o Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica de Porto, o Bremer Institut fuer Produktion und Logistic de Bremen e o Transferimento Tecnologico e Innovazione SCARL de Treviso.
O traballo prolongarase ata o verán de 2025 e que está financiado pola Axencia Nacional de Eslovenia.
O obxectivo concreto é o desenvolvemento de material de capacitación para apoiar a usuarios, titores e titoras e docentes de laboratorios de fabricación dixital (FabLab), que inclúan contidos de deseño, codificación e fabricación enfocados a tecnoloxías de Internet das Cousas (IoT), 5G, Intelixencia Artificial e análise de información masiva (Big Data) e cadea de bloques (blockchain).
“A formación de estudantes, tanto de secundaria, FP, como universitarios en IoT vén dado polos avances desta tecnoloxía nestes momentos que medra cada día. As titulacións duais con empresas fai que a metodoloxía FabLab se vexa como a máis axeitada, así que se propón a creación dun material didáctico aberto para profesorado que adestre a eses estudantes dun xeito mixto, que combine a filosofía de hands on (facendo coas mans) con contidos en liña”, detalla Edita de Lorenzo sobre o contido do proxecto, ao que a UVigo accedeu a través do CESGA.
Con anterioridade, as e os investigadores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións que participan en Developing competences on the Internet of Things through digital fabrication laboratories (Enrique Costa Montenegro, Íñigo Cuiñas Gómez, Manuel García Sánchez, Felipe Gil Castiñeira, Cristina López Bravo, Verónica Santalla del Río e Ana Vázquez Alejos) xa tomaran parte noutros proxectos Erasmus+ educativos e tamén en IoT.
Dentro deste novo traballo colaborativo centrado na Internet das Cousas, o contido de aprendizaxe desenvolverase “cun enfoque centrado no estudante” e “utilizando estudos de casos seleccionados da industria, para que o alumnado entenda a relevancia industrial/práctica do tema e coñeza a relación entre os principios e os métodos coas aplicacións relevantes”. Os cursos e obradoiros de proba levaranse a cabo con diferentes obxectivos, desde aprendizaxe básica, ata o nivel universitario, para probar, avaliar e optimizar as ferramentas e os contidos desenvolvidos. “Incluirase a definición de estrutura, metodoloxía, contidos e ferramentas para estes FabLabs en IoT cos que se adestrarán aos docentes, que máis tarde os poderán incluír na formación do alumnado”, sinala a coordinadora da UVigo.
Para a consecución dos obxectivos do proxecto, proponse unha revisión do estado da arte en estratexias de ensino e aprendizaxe sobre o IoT en escolas de secundaria e FabLabs para sintetizar o atopado nun marco pedagóxico que guíe o proxecto a desenvolver e avaliar os novos materiais e enfoques, a través de proxectos piloto na contorna próxima ás universidades e centros tecnolóxicos que participan nesta iniciativa. Os resultados acadados poranse a disposición en FabLab Toolkit, publicacións académicas e dándolle difusión a través de eTwinning, Scientix e outras plataformas educativas internacionais.
A UVigo e o CESGA participan nun proxecto Erasmus+ para fomentar as competencias en IoT
Compartir Este Artigo

