Telefónica España e Nokia veñen de probar con éxito, por primeira vez en España, a tecnoloxía 25G PON. Grazas á súa colaboración neste ámbito e aos recursos postos en xogos, recoñeceron ter acadado velocidades simétricas (de suba e de baixada de datos) de 20 Gbps. En palabras da operadora, “esta proba demostrou que as actuais tecnoloxías de banda larga GPON e XGS-PON poden coexistir sen problemas na mesma fibra coa tecnoloxía 25G PON para mellorar a conectividade”.
Segundo lembrou a compañía, 25G PON ofrece “unha enorme capacidade” de largura de banda simétrica na fibra que soportará novos casos de uso e requisitos de capacidade que, unidos ás altas velocidades e a baixa latencia, preparan a rede para futuras aplicacións como o metaverso.
Gonzalo Garzón, director de Acceso Fixo de Telefónica España, destacou o seguinte acerca das probas acabadas de realizar: “Telefónica foi a primeira operadora en España en proporcionar conectividade gigabit, pero non paramos aí. A demanda de largura de banda dos consumidores nunca se detén e as aplicacións máis interesantes, como os xogos de realidade virtual, sempre evolucionarán para aproveitar ao máximo as capacidades de banda dispoñibles. As novas tecnoloxías FTTH bríndannos aínda máis oportunidades na conectividade no fogar. Co seu enorme aumento da capacidade, poderemos ofrecer novos servizos sobre a mesma rede.”
Pola súa banda, Bjorn Capens, vicepresidente de Europa para redes fixas en Nokia, afirmou que “grazas ao noso chipset Quillion, esta proba de concepto de 25G PON con Telefónica demostrou que a enorme capacidade de largura de banda pode engadirse facilmente ás súas redes existentes, coexistindo coas súas tecnoloxías PON actuais. Isto significa que clientes na mesma conexión de fibra poden recibir servizo con GPON, XGS-PON ou 25G PON, o que facilita enormemente a xestión dos ciclos de actualización”.
Podemos ver máis datos da experiencia desenvolvida na web de Next Generation PON.
Telefónica e Nokia proban con éxito a tecnoloxía 25G PON por primeira vez en España
Compartir Este Artigo

