O Concello de Santiago presentará a web SantiagoNow na nova edición de FITUR que arrincou este mércores 18 de xaneiro. SantiagoNow é unha ferramenta tecnolóxica con información actualizada para os visitantes que contará con páxina de seu. Amais de presentar este sitio, a capital de Galicia recollerá na gala organizada por SICTED, o premio ao mellor destino de calidade de España, o segundo na categoría de mellor proxecto de mellora de destino e o terceiro á mellor actuación de sustentabilidade. FITUR, a feira de referencia no sector do turismo en España, desenvolverase ata o 22 de xaneiro en IFEMA Madrid.
Participarán na presentación da dita web, no stand Galicia, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Raimil.
Segundo avanzaron, a páxina foi concibida para que os visitantes poidan consultar a través do seu teléfono, dun modo sinxelo e áxil, información concreta sobre que facer o propio día en Santiago. Esta ferramenta pretende “dar unha resposta rápida ás preguntas máis repetidas nas oficinas de información da cidade, onde se atenden unhas 200.000 persoas ao ano, ofrecendo información actualizada sobre visitas e xiras turísticas, actividades culturais ou de ocio, ou dispoñibilidade de prazas de aloxamento no mesmo día”.
Na xornada deste mércores o alcalde e o concelleiro Sindo Guinarte tamén aproveitarán a súa presenza en FITUR para asistir á presentación do Ano Picasso, que terá lugar ás 16:00 h no stand de Turespaña e que contará coa presenza do ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta.
No marco dos actos programados, FITUR acollerá o 19 de xaneiro ás 10:30 horas, a XIII Edición dos Premios SICTED na que se recoñecerá de forma pública a Santiago como o mellor destino turístico do ano 2022. Ademais, a cidade, recibirá un segundo premio na categoría de mellor proxecto de mellora de destino SICTED, grazas a un Plan de Comunicación e Marketing do SICTED.
O outro recoñecemento é o que conseguiron As Casas do Cebro e de Afora, que obtiveron o terceiro lugar na categoría de mellor actuación de Sostibilidade SICTED. Ambas casas, localizadas no lugar de Correxíns, na parroquia compostelá de Figueiras, exemplifican o compromiso coa calidade turística e a sustentabilidade en Santiago de Compostela.
Compostela presenta en FITUR a web SantiagoNow
Compartir Este Artigo

