O alumnado de 2º de Realización do Centro de Formación Audiovisual (CFA) da Deputación de Lugo encargarase este venres 20 da emisión en directo do X Concurso Lucus Intercentros que se celebra no IES Muralla Romana da cidade de Lugo. O streaming poderase seguir a partir das 11:00 horas na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais, e na web do propio IES.
O organismo provincial colabora un ano máis coa difusión deste concurso de preguntas e respostas no que participa alumnado de 1º de Bacharelato dos sete institutos da cidade de Lugo: Ánxel Fole, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes. O obxectivo da iniciativa é “favorecer a interrelación de alumnado e profesorado dos centros de Educación Secundaria da capital”.
O Concurso, organizado polo Departamento de Administración e Xestión do IES Muralla Romana conta tamén coa colaboración de profesores dos institutos participantes, que elaboran as preguntas do certame. Ademais, o CIFP Politécnico de Lugo encárgase dos pulsadores, e os Departamentos de Informática e de Imaxe Persoal do IES Muralla Romana, da presentación dixital, do peiteado e da maquillaxe.
Segundo explica a Deputación, “a emisión por streaming do Concurso Lucus Intercentros é unha das prácticas en escenarios reais que realiza o alumnado do CFA ao logo do curso, dentro do modelo formativo promovido pola institución, que inviste nun ensino público de calidade”.
Neste caso, a práctica está repartida en dúas xornadas: a do xoves (a dos preparativos supervisados por un técnico e un docente) e o streaming en si mesmo deste venres, no que empregarán varias cámaras e todo o material preciso para a transmisión dun evento a través de Internet. Os estudantes rotarán polos distintos postos, desde realizador e mesturador de vídeo e son, ata operador de cámara, co obxectivo de aproveitar ao máximo esta práctica formativa.
O Concurso Lucus Intercentros desenvolverase a partir das 11:00 horas no salón de actos do IES Muralla Romana. Os equipos, formados por tres alumnos, deberán responder a dez preguntas sobre actualidade económica, política e social e sobre as materias que se imparten en 1º de Bacharelato, como bioloxía, inglés, xeografía ou lingua. Ao remate, ás 13:30 horas, celebrarase a entrega de premios. Os equipos que se clasifiquen nos tres primeiros postos recibirán vales de compra para material informático. Ouros catro, recibirán obsequios do IES Muralla Romana.
Este venres achégase novamente en streaming o X Concurso Lucus Intercentros
Compartir Este Artigo

