O Concello de Santiago, a través da área de Igualdade que dirixe Mercedes Roslón, presentou dous novos recursos tecnolóxicos para os centros educativos que teñen unha base común: botar abaixo os muros que seguen a discriminar ás mulleres en todos os ámbitos sociais, científicos, tecnolóxicos e empresariais. Trátase dunha guía dixital de recursos co-educativos e un xogo virtual (A-Baneando). Abéiranse ao programa COMPigual, Compostela pola Igualdade de Xénero. As dúas novidades tecnolóxicas tamén comparten outro desafío: contribuír a rematar coas violencias machistas que collen corpo xa dende idades temperás.
A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, foi a encargada de presentar as dúas novas accións desta campaña. Estivo acompañada de Rosa Torrado, coordinadora xeral do programa e directora de RetNova Proxectiva Consulting, S.L, empresa adxudicataria do proxecto, e parte do seu equipo.
A Guía dixital de recursos didácticos para a igualdade: receitas coeducativas é unha ferramenta deseñada para docentes de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional. Trátase dunha escolma didáctica cde ideas, suxestións e técnicas que permiten e facilitan a sensibilización, a reflexión e a promoción da igualdade de oportunidade na educación. Esta guía inclúe máis de 60 fichas de actividades (receitas) adaptadas ás diferentes etapas educativas que conteñen recursos atractivos e motivadores para levar a cabo nas aulas.
Ademais, engadiron Rosón e Torrado na presentación, ofrece unha variedade de recursos (xogos, guías, música, películas etc.) para “motivar ao profesorado a deseñar as súas propias actividades desde unha perspectiva igualitaria, non discriminatoria e superadora dos estereotipos nesgados polo xénero”. A guía estará dispoñible na páxina web do CIM (Centro de Información ás Mulleres) de Santiago e será enviada aos centros educativos que participan en COMPigual.
Polo que respecta a A-Baneando as violencias machistas, é un xogo interactivo orientado ao alumnado da ESO, Bacharelato e de Formación Profesional co que “aprender a identificar as formas de violencias machistas producidas en diferentes contextos”. Inclúe preguntas apoiadas con imaxes, textos, cancións ou vídeos recoñecibles pola xuventude e unha breve explicación teórica para comprender e afondar nos contidos relacionados coas ciberviolencias, os mitos do amor romántico, o consentimento, os mitos da violencia de xénero etc. “Trátase dun recurso para traballar de maneira individual, en grupo, en familia e pode ser utilizado como recurso co-educativo nas aulas”, explicaron, engadindo que o xogo estará accesible a través dunha ligazón e tamén da lectura dun código QR.
Santiago lanza unha guía dixital educativa e un xogo virtual para loitar contra as violencias
Compartir Este Artigo

