Este mércores 18 de xaneiro aprobouse en xunta de Goberno o informe-proposta promovido polo Concello e a Universidade da Coruña (UDC) para concorrer á primeira convocatoria do proxecto SUST-AI, dotado cun orzamento de 50 millóns de euros en fondos europeos FEDER. Dito doutro xeito: deuse luz verde á solicitude de fondos para instalar na Cidade das TIC (antiga Fábrica de Armas da Coruña) un centro de Intelixencia Artificial orientado ao medio ambiente e á aposta local pola sustentabilidade. En concreto, desenvolveranse no seu seo solucións innovadoras de IA para abordar cuestións vencelladas ao cambio climático, infraestruturas verdes e solucións urbanas baseadas na natureza.
“O uso das ferramentas máis innovadoras con capacidade para analizar, comprender e tratar grandes cantidades de datos”, explicaron fontes do Concello, “serviría para abordar retos medioambientais nun proxecto que tamén implicaría ás asociacións veciñais, atendendo as necesidades e preocupacións da cidadanía no eido do medio ambiente.
Esta proposta, ideada para potenciar as instalacións da futura Cidade das TIC, coas obras xa en marcha desde maio de 2022, lévase a cabo co obxectivo de reforzar a aposta do Goberno de Inés Rey polo sector tecnolóxico como un dos principais motores económicos e laborais da cidade, coa recente elección da Coruña como sede permanente da Axencia Nacional Española para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
Luz verde á solicitude de fondos europeos para instalar na Cidade das TIC un centro de IA medioambiental
Compartir Este Artigo

