O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este venres 20 de xaneiro os detalles dunha importante iniciativa para reforzar as ligazóns que nos unen a Portugal e aos países lusófonos: o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Este instrumento, lembrou García, habilitouse no contexto da Lei Paz Andrade (a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía) e da entrada de España como observadora Asociada na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) 2021. Valentín García destacou que o impulso a este instrumento de análise coincide cun importante traballo de visualización da cultura galego-portuguesa nas redes, na Internet e na CRTVG.
Segundo fixo saber o secretario xeral, o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade é “un órgano colexiado creado coa finalidade de servir como instrumento de consenso para adoptar medidas relacionadas coa lusofonía en Galicia”. Estas declaracións foron achegadas por García na súa comparecencia (a petición propia) ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para dar conta do informe anual de seguimento da Lei 1/2014.
Este observatorio, engadiu, “terá como finalidade asesorar ao Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación ao tempo que funcionará como un foro permanente de diálogo entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas con interese neste ámbito”, engadiu Valentín García.
No tocante ao estudo do idioma, “o portugués xa está consolidado como unha das segundas linguas estranxeiras máis estudadas polos galegos e galegas, tanto nos institutos como nas escolas oficiais de idiomas e na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), sumando máis de 5.000 estudantes contabilizados de forma oficial”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Amais, engadiu, “3.888 alumnos de ESO e Bacharelato estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira neste curso 2022-23, unha cifra que triplica á rexistrada cando entrou en vigor a lei a prol dos vínculos coa lusofonía. A este dato, dixo, “hai que sumarlle os 1065 estudantes das nove escolas oficiais de idiomas repartidas por Galicia e os 445 empregados públicos que optaron por formarse en distintos niveis desta lingua na EGAP que, ademais, acadou a taxa de solicitudes máis elevada rexistrada desde que oferta a lingua portuguesa”.
Ademais, a Consellería continúa ao longo deste curso 22-23 coa pilotaxe do programa Camões Júnior, implantado nalgúns centros de secundaria o pasado 2021 e grazas ao cal 83 estudantes obtiveron o seu certificado de lingua portuguesa en distintos niveis entre o A1 e o B1 ao superar as probas en liña.
Boom de contidos na CRTVG e na Rede
Outro dos puntos clave que salientou o secretario xeral ao abeiro da Lei Paz Andrade é a coprodución de contidos audiovisuais entre Galicia e Portugal. Así, “a CRTVG mantivo durante este 2022 unha colaboración xa asentada e crecente coa lusofonía materializada en proxectos como o exitoso #ApuntamentoLusófono, dentro do espazo dirixido por Esther Estévez, ou a sección do portal de noticias G24.gal dedicado a Portugal”, indicou, salientando tamén o apoio da CRTVG a dúas coproducións con Portugal, a longametraxe Ariel e o documental A procura da Estrela; así como a participación en 27 proxectos de contidos dixitais como Agora cantamos nós, da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, “cuxo programa de radio interescolar, que desde fai 27 anos da voz a 200 centros educativos das dúas beiras do Miño, xa está considerado un modelo para o mundo ao ser incluído pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda”, explicou Valentín García.
Amais, recordou que ao longo desde 2022 impulsáronse dende a Xunta accións como o concurso a[R]itmar Galiza e Portugal que, coincidindo coa súa sétima edición, incluíu a creación da aplicación web play.artirmar.gal; o programa Nortear e todas as actuacións que leva anexas desde hai oito anos; ou varias coproducións teatrais do Centro Dramático Galego, exposicións da Fundación Cidade da Cultura e actuacións musicais e festivais realizadas en colaboración con Portugal ou vinculadas á lusofonía, “entre outras moitas accións”, apuntou, concluíndo que a Xunta ten previsto impulsar unha Axenda Cultural Común entre España e Portugal ao longo deste 2023.
O boom dos contidos galego-portugueses refórzase co Observatorio da Lusofonía
Compartir Este Artigo

