
Este martes 24 publicarase na web provincial o primeiro dos relatos sonoros do proxecto dedicado a María e pola tarde ás 19 horas no salón de plenos do Concello de Cangas, a experta Guillermina Domínguez conducirá un faladoiro sobre a súa historia. Para asistir é necesario inscribirse no enderezo procotolo@depo.es.
A citada colección de relatos sonoros dará a coñecer mes a mes ao longo de todo o 2023 os logros de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, coas historias narradas por Marián Fernández e que se colgarán no propio sitio en liña de Aquí faltan páxinas da web da Deputación e con ligazón a Spotify. Estes podcast compleméntanse, amais de cos faladoiros en nove concellos que tiveron relación coas protagonistas, e cunha ruta virtual, tamén na web provincial, que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista de cada mes.
Neste primeiro podcast cóntase como dixemos a historia de María Soliña, vítima en Cangas da cruel tortura da Inquisición, como miles de mulleres en Europa que foron obxectivo da caza de bruxas que a Igrexa e as oligarquías emprenderon para controlar ás mulleres con poder. No momento da súa acusación, tiña 70 anos e non sobreviviu ao martirio e os nobres que a denunciaron repartíronse as súas posesións co Santo Oficio en pleno declive económico da vila tralo ataque dos corsarios turcos. A encargada do faladoiro sobre a súa figura, Guillermina Domínguez, é licenciada en Filosofía e Letras na especialidade de Historia e, dentro desta, na etapa medieval. Exerceu como profesora durante 45 anos e entre as súas publicacións e traballos figura Tres mulleres de armas tomar coa historia de María Balteira, María Castaña e María Soliña.
María Soliña inaugura a serie de podcast da Deputación de Pontevedra sobre mulleres galegas silenciadas
Compartir Este Artigo

