Galicia Avanza, programa de internacionalización de pemes tecnolóxicas e innovadoras galegas impulsado pola Xunta (a través de GAIN e o IGAPE) e a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), está afrontando estes días a recta final da súa primeira edición, ao tempo que comeza, de xeito simultáneo, a súa segunda convocatoria. Neste punto de inflexión, as entidades impulsoras organizan os días vindeiros (o día 15) un encontro no que dar conta dos fitos acadados e, tamén, dos pendentes de acadar.
Segundo fixeron saber, en Galicia Avanza xa participaron 30 pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade, ás que se van sumar outra trintena de pemes na segunda convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes remata o 28 de febreiro e deberá realizarse a través da páxina web da aceleradora.
Como dixemos, o 15 de febreiro está previsto que se presenten os resultados da primeira edición do programa. O eventos será na Tecnópole, entidade encargada da xestión e coordinación desta iniciativa. Neste acto daranse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar as súas innovacións. Ao longo da xornada poderán compartir experiencias, facer networking e coñecer os apoios máis relevantes da Administración autonómica para a internacionalización. As empresas interesadas en participar neste encontro deberán inscribirse previamente na páxina web da Tecnópole. A cita, segundo avanzan, inclúe “un completo programa de actividades”, con empresas de referencia contando a súa experiencia en novos mercados e habilitándose un espazo para visitar e coñecer as 30 firmas participantes na primeira edición do programa.
As pemes participantes nesta primeira convocatoria do programa Galicia Avanza pertencen a sectores tan diversos como as novas tecnoloxías, alimentación, telecomunicacións, industrial, químico, farmacéutico, biotecnoloxía, enxeñaría, automoción, turismo, saúde, agrario… e ata aeroespacial.
Durante os oito meses de duración do programa e a través dun equipo de expertos en internacionalización, traballouse na saída ao mercado exterior das empresas e tamén na consolidación internacional das que xa tiñan experiencia neste eido, abríndolles novos mercados ou accedendo a novos segmentos de clientes. Axudóuselles a mellorar a súa estratexia comercial internacional, avanzouse na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas.
Así mesmo, ao longo destes meses reforzáronse aspectos como a mellora da innovación, as estratexias de mercadotecnia, creación de marcas e certificacións, ou a adaptación de produtos e servizos ao mercado exterior, entre outros.
Galicia Avanza celebra un encontro tecnolóxico de internacionalización o 15 de febreiro na Tecnópole
Compartir Este Artigo

