A Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de matrícula para as actividades de formación dirixidas a empresas que se desenvolverán ao longo do primeiro semestre de 2023. A oferta formativa contempla, inicialmente, un total de 25 propostas que se desenvolven, segundo o caso, en formato presencial, en liña ou en streaming. Boa parte delas porán o foco na transformación tecnolóxica das empresas.
A través da vertente presencial levaranse a cabo cursos sobre implantación de plans de formación na empresa, vendas, protocolo de acoso, xestión de tempo, liderado e psicoloxía aplicada ás vendas, entre outros.
A través da vertente en liña, ofrecerase formación sobre dirección de vendas, inglés para negocios, finanzas, xestión fiscal, project management ou traballo en equipo, entre outros.
A vertente estrela será a vertente streaming de aula virtual, que, segundo recorda a Cámara, experimentou estes últimos anos unha importante demanda, sobre todo “polo aforro de tempo que ofrece, dado que evita desprazamentos e os participantes poden gozar dunha formación en vivo de moi similar sensación á presencial, ao interactuar con outros alumnos e co profesorado”. A oferta formativa nesta modalidade será especialmente tecnolóxica, con formación en Excel avanzado, Business Intelligence Excel, Incoterms 2020, IVE en operacións internacionais ou Power BI, entre outros.
Todas as accións formativas programadas poden bonificarse a través dos créditos de FUNDAE. A Cámara actúa como entidade organizadora e realiza toda a xestión sen custo adicional. De igual modo, existen outras bonificacións no prezo da matrícula para as empresas socias da Cámara que poden chegar ata o 40%.
Máis información na páxina web da entidade cameral, escribindo un correo a formacion@camaracoruna.com ou ben chamando ao 981 21 60 72.
A Cámara da Coruña abre o prazo de dúas ducias de cursos, boa parte deles tecnolóxicos e en streaming
Compartir Este Artigo

