O Consello da Cultura Galega comezou 2023 poñendo o foco, novamente, nos novos escenarios de comunicación, axeitados para reivindicar e poñer en valor a nosa rica tradición cultural. Fíxoo cun novo proxecto web, unha serie documental que mostra e reivindica o canto acompañado con percusión de man. Son seis capítulos que “percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional”, explicou o CCG.
Na presentación participaron o presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carmen García Mateo, e mais as tres responsables do proxecto, Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo.
A serie audiovisual xa pode verse na web do CCG e nas súas redes.
“Hai tempo que traballamos na proxección de contidos que permanezan no tempo ademais de homenaxear a toda a cultura de base” apuntou Rosario Álvarez sobre esta iniciativa que terá a primeira exhibición pública no Serán dos Namorados, en Toutón (Mondariz), o vindeiro 11 de febreiro.
“Falamos moito dos grandes gaiteiros, pero non das mulleres cantantes acompañadas de percusión de man que estiveron nas festas, no día a día e nos ritmos de traballo e descanso”, apuntou Renée DePalma ao describir a xénese deste proxecto. Ademais, apuntou que escolleron ese título porque é unha letra que se repite de continuo.
A serie achéganos ao pasado deste tipo de literatura ora e “tamén ao presente, no que atopamos tocadoras tradicionais que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón polo método tradicional, así como participantes en procesos de recollida e divulgación e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición e que falan das súas experiencias e comparten a súa arte”.
O proxecto achégase subtitulado en galego, en inglés e español para axudar á súa difusión.
Malia que Renée DePalma, Xulia Feixoo e Carme López foron as responsables da serie web, a produción audiovisual correu a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.
Seis capítulos
O primeiro capítulo leva como título O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional e nel a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido do Peseto e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz, Pontevedra). O capítulo proxectarase no vindeiro serán, que terá lugar o 11 de febreiro e no que haberá un coloquio tras a proxección.
O segundo dos capítulos, A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento, trasládase a Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e público xeral.
O terceiro episodio, Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración, introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou, principalmente, a México.
Historia da compilación musical nos grupos folclóricos é o título do cuarto episodio, no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias nas décadas dos oitenta e dos noventa cando houbo un momento de fervedoiro na recollida.
O quinto episodio, As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional, céntrase no traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.
Pecha a serie o capítulo Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía. Canda as súas integrantes, Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, e Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, amosan estilos e visións diferentes e a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.
Axudádeme a cantar é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, unha área coordinada por Carmen García Mateo e que ten entre os seus membros a Burghard Balstrusch, Renée DePalma, Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Carlos Pereiro, Pablo Romero, Eva Sánchez, Mercedes Queizas, María Ángles Rodríguez e Nel Vidal.
O CCG lanza unha serie web que pon en valor legado das tocadoras
Compartir Este Artigo

