A investigación en feminino ten un destacado papel no CITIC da UDC. Máis do 30% do persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións son mulleres, unha porcentaxe por riba da media no sector TIC, no que o emprego feminino ronda o 20% e no que as estudantes de Enxeñaría Informática non supera o 15%. Un dos exemplos é o de Verónica Bolón, especialista en Intelixencia Artificial (IA), que traballa hoxe nos algoritmos verdes. Trátase dunha liña de estudo pioneira en Galicia e centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en IA que dean resposta aos desafíos medioambientais máis urxentes.
“O noso obxectivo”, explica a investigadora do CITIC, “é aplicar algoritmos verdes, ademais de intelixentes, tanto desde o punto de vista do seu deseño como desde a busca de respostas a retos medioambientais concretos, a eidos como o da eficiencia enerxética e de recursos, a descarbonización ou a economía circular”.
Segundo engade, a Intelixencia Artificial proporciona unha mellor análise da información e da toma de decisións, o que se traduce nun mellor seguimento das tendencias e impactos sobre o medio ambiente, axudando, por exemplo, a reducir o consumo de enerxía e de recursos ou a promover a descarbonización. Sen embargo, a pesar do gran potencial da IA para dar solucións a estes retos, non hai que perder de vista as ameazas que supón, como o elevado custo enerxético que pode significar a súa construción e a preocupación por cuestións como o potencial consumo eléctrico, que demandarán as TIC no 2030 e outras ferramentas asociadas á cadea de bloques, a chamada blockchain. “Neste contexto”, indica a investigadora, “os algoritmos verdes, estreitamente relacionados con conceptos como as Cidades Intelixentes ou a Computación na Nube, estarán dirixidos a mellorar a sustentabilidade e a que as emisións de carbono de Internet, e en particular da IA, sexan o máis baixas posible”, aclara Verónica Bolón.
En sintonía coa AESIA
O Plan Nacional de Algoritmos Verdes forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Axenda España Dixital 2026 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento da IA, sentando así as bases para a creación dun ecosistema de excelencia que alberga a investigación científica e a innovación, o desenvolvemento de competencias e talento, a despregadura de plataformas de datos e infraestruturas tecnolóxicas, a súa integración no tecido económico, o fomento do seu uso no sector público e o establecemento dun marco ético e normativo.
A este respecto, o obxectivo principal da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, é a regulación dos aspectos éticos relacionados co uso da IA en diferentes sectores. “O noso proxecto”, apunta Verónica Bolón do CITIC, “casa perfectamente coas directrices da Axencia ó procurar que a IA sexa o menos agresiva posible co seu contorno”, un dos propósitos do organismo de control en relación co aproveitamento responsable da IA.
Verónica Bolón (CITIC) lidera un proxecto de algoritmos verdes para afrontar os nosos retos ambientais
Compartir Este Artigo

