A investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) Thais Pousada participou os días pasados (o 9 e 10 de febreiro) en Cabo Verde no Seminario Internacional Incluçao em Rede, organizado pola Universidade de Cabo Verde e a Asociación Colmeia de Pais e Amigos de Crianças e Jovens com Necessidades Especiais. A investigadora interveu na mesa redonda Tessituras inclusivas em debate: desafios contemporâneos na que tivo a oportunidade de presentar os proxectos de innovación docente e o título de Espazo Compartido da Universidade da Coruña, do que é a súa directora académica.
Pousada tamén participou no obradoiro Tecnologias de apoio – acessibilidade e inclusão, direito de todos! que estivo dedicado á presentación de resultados da liña de investigación na creación e deseño de tecnoloxías e produtos de apoio de baixo custo para persoas con diversidades funcionais e cognitivas e a mostrar as posibilidades que ofrece a impresora 3D como “un medio alcanzable e ao alcance dos profesionais para a súa elaboración”.
Esta participación xorde da colaboración que estableceron as entidades caboverdianas co Centro de Recursos para a Inclusão Dixital do Instituto Politécnico de Leiria, no que Thais Pousada está a realizar unha estadía de investigación.
A partir deste primeiro contacto xurdiron novas posibilidades de colaboración entre a Universidade de Cabo Verde e a Asociación Colmeia dirixidas á mellora das condicións de vida da poboación infantil con necesidades especiais da illa de Santiago.
Thais Pousada participa en Cabo Verde nun seminario sobre inclusión de rapaces con necesidades especiais
Compartir Este Artigo

