Este 14 de febreiro clausurouse a quinta edición do Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial, promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG). No seu transcurso avanzáronse os tres primeiros informes do Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia, que sitúan como principais retos a afrontar polo noso sector o talento, a cooperación e a sustentabilidade. A directora de GAIN, Patricia Argerey, interveu no peche deste evento sectorial, no que participaron máis de 150 profesionais.
O talento, unha maior cooperación entre empresas para acadar máis capacidade de investimento privado e a sustentabilidade como oportunidade e elemento diferenciador son tres dos grandes desafíos da industria aeronáutica e aeroespacial segundo o informe de análise económica do sector e o seu sistema de valor elaborado no marco do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial.
O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) foi escenario este martes 14 do
V Congreso Internacional Aeronáutico e Aeroespacial promovido pola Xunta de Galicia e o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG), que dá continuidade á xornada monográfica sobre o Polo Aeroespacial de Galicia celebrada o luns 13 de febreiro no mesmo emprazamento.
A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, destacou “que o sector privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando os apoios da Administración autonómica e das convocatorias nacionais e europeas e transformalos en contratos, en novos investimentos en innovación e industriais e en emprego”.
Como dixemos, no congreso presentáronse os tres primeiros informes do Observatorio Galego da Industria Aeroespacial, relativos á análise económica do sector, á análise da cadea de valor en Galicia e a súa integración nas cadeas de valor nacionais e internacionais nos ámbitos civil e de defensa e ao financiamento da I+D no segmento dos sistemas non tripulados na Unión Europea.
Durante o evento, púxose en valor a importancia do investimento público, que atrae investimento privado e empresas tractoras, como é o caso da Civil UAVs Initiative, e destacouse “o traballo de promoción dos sistemas non tripulados realizada pola Xunta de Galicia que supuxo a consolidación deste segmento na Comunidade, propiciando a creación de empresas cun forte potencial de crecemento no deseño, operación e explotación de sistemas aéreos non tripulados”.
Tamén se analizou o potencial das solucións deseñadas no Polo Aeroespacial para ser exportadas, nun futuro próximo, nacional e internacionalmente; así como de proxectos como o U-Space para facer do espazo aéreo europeo un complexo ecosistema no que coexistan en harmonía todo tipo de aeronaves, poñendo especial foco na convivencia segura e eficiente de avións tripulados e drons.
Máis de 150 representantes de empresas líderes da industria aeronáutica e aeroespacial galega, pemes, centros de coñecemento e empresas como Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing ou Indra participaron nestes dous eventos.
Os desafíos da industria dron centraron un encontro galego no que participaron máis de 150 profesionais
Compartir Este Artigo

