A consultora Vitae vai organizar en formato de aula virtual unha actividade formativa moi indicada para as empresas que estean transformando e optimizando a xestión da información, co obxectivo de que gañe en axilidade, eficiencia, operatividade, eficacia e rendibilidade. O curso Implementación e Administración de Microsoft 365 na empresa vaise celebrar este mes de marzo, os días 20, 22, 23, 27, 29 e 30. Vén con 18 horas de formación, impartidas por David Bodero.
Segundo explican fontes de Vitae sobre o miolo temático do curso, Microsoft 365 é unha solución de produtividade e colaboración na nube que ofrece unha ampla gama de ferramentas e servizos de gran valor tanto para as pequenas empresas como para grandes organizacións.
Estas ferramentas e servizos “permiten entre outras cousas colaborar e traballar de maneira máis eficiente, xestionar o correo electrónico e a axenda de xeito profesional e protexer datos e máis arquivos, facéndoos dispoñibles dende calquera dispositivo conectado”.
Ao longo do curso presentaranse os principais servizos de Microsoft 365 e as súas posibles aplicacións, así como os aspectos máis importantes para a súa correcta posta en marcha e configuración, mediante exposicións sinxelas, casos prácticos e obradoiros individuais e en grupo. O participante poderá deste xeito “afianzar todos os coñecementos presentados, avaliar posibles usos para a súa organización e coñecer boas prácticas para o soporte e a resolución de problemas”.
Vitae recorda tamén que entre as principais vantaxes de Microsoft 365 atópanse as seguintes (entre outras moitas):
-Acceso en calquera lugar. Con 365 podemos acceder aos nosos arquivos e ferramentas dende calquera lugar cunha conexión a Internet. Isto permite traballar dende todo tipo de dispositivos, o que dá máis flexibilidade e posibilítanos ser máis produtivos.
-Colaboración en tempo real. Microsoft 365 inclúe ferramentas como Microsoft Teams e OneDrive, que nos permiten colaborar en tempo real cos nosos colegas e clientes. Podemos compartir documentos e traballar neles de xeito simultáneo, o que acelera o proceso de traballo e mellora a eficiencia.
-Seguridade e protección de datos. Microsoft 365 ofrece unha ampla gama de medidas de seguridade protección de datos para protexer os nosos arquivos e a nosa información empresarial. Isto inclúe cifrado de datos, autenticado de dous factores e monitoraxe de ameazas en tempo real.
-Integración de ferramentas. Microsoft 365 permítenos integrar as nosas aplicacións e ferramentas coa súa plataforma, o que fai posible traballar de maneira máis eficiente e sen interrupcións.
O formador encargado de impartir estes contidos será David Bodero, consultor en tecnoloxía e desenvolvedor informático, con sete anos en postos de responsabilidade como xestor empresarial. Ten experiencia internacional de tres anos e de cinco na supervisión e dirección de equipos multiculturais de ata 30 persoas. É un adestrador experimentado en contornas presenciais e telepresenciais, conta con máis de 1.500 horas impartidas, sobre todo en cursos relacionados con ferramentas de produtividade (Microsoft Office), sistemas e programación. Entre as empresas que formou ou asesorou atópanse ASIME, La Voz de Galicia, PSA Citroen, Plexus, Softek, Vector ou CLUN.
Vitae móstranos as múltiples vantaxes empresariais de Microsoft 365
Compartir Este Artigo

