O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou en Ponteceso que o Goberno asegurará a conexión a Internet de alta velocidade en todas as zonas rurais de Galicia grazas ao novo plan que aprobou o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital no marco do Plan de Recuperación. Trátase do Programa Único Demanda Rural, cuxo obxectivo é universalizar o acceso á banda larga no cento por cento do territorio galego. Así o avanzou o delegado nunha reunión con veciños e veciñas de Ponteceso na que tamén participou o alcalde, Lois García Carballido.
A contratación do servizo nestas zonas estará bonificada polo Goberno, “para protexer a cohesión social e territorial”, explicou, engadindo que “a conectividade é un elemento básico para garantir a supervivencia dos pequenos concellos; é unha arma contra o despoboamento”. Miñones tamén avanzou que as persoas que contraten este servizo en remotas e pouco poboadas do territorio contará cunha bonificación do Goberno para facelo accesible.
O Goberno adxudicou de maneira provisional á empresa Hispasat a extensión da banda larga vía satélite a todas as zonas rurais. Esta actuación forma parte do Plan Único, financiado con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e conta con orzamento tanto para a configuración do servizo como para sufragar o custo alta do usuario final.
A través deste plan, Hispasat despregará mediante tecnoloxía satelital as infraestruturas precisas para prover de conectividade ultrarrápida ás zonas de toda España nas que non hai cobertura con tecnoloxía fixa a un mínimo de 50 Mbps e proporcionará un servizo alcanzable de polo menos 100 Mbps ata o 31 de decembro de 2027.
Este servizo prestarao ata o 31 de decembro de 2027 a un prezo fixo de 35 euros mensuais para o usuario final.
Co Plan Único Demanda Rural, o Goberno complementa o avance en conectividade xa realizado en Galicia grazas ás dúas convocatorias resultas do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (Único-Banda Larga). No municipio de Ponteceso, o Plan Único leva a conexión a internet de alta velocidade a 472 vivendas e empresas. O obxectivo do Goberno é que, xa neste ano 2023, o 95% da poboación teña acceso a internet de alta velocidade, chegando ao 100% no ano 2025.
José Miñones anuncia que a totalidade do rural galego terá conexión a Internet ultrarrápida
Compartir Este Artigo

