Xa están dispoñibles na Rede, no Portal da Lingua (Secretaría Xeral de Política Lingüística) os capítulos (tres) da serie de microdocumentais Os nomes da nosa terra II. Xosé Antón Moure, segunda entrega dunha webserie para redes sociais e televisión elaborada para TeceRedes en galego (Fondo Xacobeo 2021-2022) cun marcado carácter lúdico e de entretemento.
As pezas están escritas e dirixidas por Xosé Antón Moure e foron desenvolvidas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Cada capítulo, dunha duración aproximada de 9 minutos, é a consecuencia dun traballo de investigación sobre micro toponimia realizado en colaboración co proxecto Galicia Nomeada da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega.
Esta é unha nova entrega da serie producida ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021. Na nova andaina, o obxectivo é estimular nas xeracións máis novas o interese e o uso do galego a través da identificación coa contorna e a transmisión interxeracional.
Segundo explica a AS-PG, esta serie pretende “difundir nas redes sociais, a través dun formato audiovisual atractivo, os feitos e historias que orixinaron os nomes de aldeas, leiras ou corredoiras que compoñen algúns dos máis de dous millóns de topónimos de Galicia”.
As pezas da primeira tempada abordaron a riqueza toponímica de Barcia de Mera, A Coruña, Oleiros, Arteixo, Marzoa e o monte Pindo. As da nova achega poñen o foco en Compostela, Penarrubia e Veigas de Camba.
Na Rede os novos capítulos da webserie documental Os nomes da terra
Compartir Este Artigo

