A nova andaina de Vaibike!, servizo municipal de aluguer de bicicletas, arrincou con forza en Vilagarcía. Fíxoo no mediodía deste sábado primeiro de abril e con 100 persoas dándose de alta como usuarias a través da aplicación móbil habilitada polo Concello (aproveitando a tarifa Volvemos, que, mediante o pago de 1 euro permite a utilización do Vaibike! durante tres meses).
O alcalde, Alberto Valera, xunto coa concelleira de mobilidade, Paola María, e os edís de Medio Ambiente e de Obras e Servizos, Diego García e Lino Mouriño respectivamente, tamén quixeron estrear esta nova etapa do Vaibike! dando o primeiro paseo en bicicleta.
A estrea da aplicación veu acompañado dunha serie de novidades complementarias. Por exemplo a renovación e ampliación do propio servizo, que pasou de contar con 5 estacións ás 16 que ten arestora, cubrindo boa parte do municipio, tanto a zonas do centro urbano como ás do extrarradio, e dando máis facilidades aos usuarios para que fagan uso da bicicleta como medio para desprazarse pola cidade.
Dende a estación emprazada no parque de Matosinhos, un dos 11 novos puntos para a retirada e recollida dos vehículos, o alcalde e os concelleiros fixeron unha demostración do funcionamento da aplicación móbil a través da que os usuarios poden xestionar a retirada e depósito das bicicletas E a continuación deron un paseo pedaleando polas infraestruturas ciclistas habilitadas na contorna do parque e no camiño escolar seguro habilitado na zona dos centros educativos da Lomba.
Funcionamento da aplicación móbil
Os primeiros pasos que se deben dar para utilizar o Vaibike! son descargar a app no teléfono móbil, darse de alta introducindo os datos do usuario e elixir a tarifa que se quere usar.
O Concello explicou que nestes momentos só está dispoñible a oferta Volvemos“, de 1 euro ata o 30 de xuño. A partir de entón xa se ofertarán a tarifa diaria, de 5 euros; a semanal, de 12; a mensual de 20, e a anual, de 36 euros. Dentro da tarefa promocional actual, as primeiras 500 persoas en darse de alta no servizo recibirán de agasallo un chaleco reflector co logo do Vaibike!
Uns días antes de que remate a promoción, a app enviará un aviso aos usuarios advertíndolles do remate da oferta, informando das novas tarifas s e invitándoos a renovar a subscrición.
Unha vez chegados a unha estación, o sistema permite a xeolocalización do usuario e indica na aplicación o punto no que se atopa e as bicicletas dispoñibles, que estarán sinalizadas cun piloto en cor verde na propia estación. Tras elixir o número do vehículo que se quere retirar (sempre a través da app descargada no móbil) deberá esperarse a que o piloto verde escintile. Entón será cando se poida retirar o vehículo da súa ancoraxe.
O Vaibike! arranca en Vilagarcía con 100 usuarios dados de alta na aplicación
Compartir Este Artigo

