Aínda que a inscrición non se abrirá ata o vindeiro 15 de abril, xa se coñecen os contidos cos que contará a 28ª edición de Coruña Bloggers, cita solidaria que terá lugar o 27 de abril ás 19:30 na sede da ONCE.
Abrirá a sesión Carmen Grimaldi, xornalista especializada en marketing en liña e comunicación, quen explicará como conseguir unha páxina de produto en Amazon que consiga visibilidade e posibilite boas vendas. Tamén realizará unha pequena introdución a Amazon Ads.
Pola súa banda, Leandro Menéndez achegará o podcasting aos asistentes, salientando o valor que teñen os podcasts para posicionar un blog, darlle visibilidade e incluso incrementar vendas, aínda que para iso hai que perder o medo a falar diante dun micrófono.
O encontro tamén contará cunha intervención de Mapi Báez, que explicará como deu a coñecer a falta de comunicación de Novo Mesoiro a través do activismo social en Twitter; e tampouco faltará a sección de presentación de proxectos 3×3.
Lembremos que para acudir ao evento prégase levar como mínimo un quilo de alimentos, que doaranse á Cociña Económica, á que ata o momento se achegaron 2.761 quilos de comida, polo que quedaría pouco para superar a barreira psicolóxica dos 3.000 quilos.
A venda en Amazon e o podcasting centrarán a vindeira edición de Coruña Bloggers
Compartir Este Artigo
