IndesIA, asociación do ámbito estatal para o impulso da economía do dato e a Intelixencia Artificial no sector industrial, celebrou este luns 10 de abril, en Santiago, un encontro para promover e divulgar o papel que xoga a Intelixencia Artificial (IA) no desenvolvemento do ecosistema de Galicia. O encontro tamén serviu para amosar punto de vista da Xunta sobre as posibilidades empresariais da IA e como afrontar os seus retos coas meirandes posibilidades de éxito, punto de vista do que falamos polo miúdo, esta mañá, en Código Cero, reflectindo as declaracións do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e da directora da axencia GAIN, Patricia Argerey. No encontro IndesIA fixo saber que Galicia é unha das comunidades autónomas nas que máis se está a impulsar o emprego das ferramentas intelixentes no sector industrial e conta con empresas referentes na súa aplicación como Inditex, Navantia, Gestamp ou Repsol, que ademais son socios promotores de IndesIA.
Na xuntanza, Corgos referiuse á “necesaria colaboración entre compañías, administracións e sociedade en xeral, para promover a implantación da Intelixencia Artificial nas organizacións, dada a complexidade desta tecnoloxía, os investimentos requiridos para o seu desenvolvemento e os retos éticos e normativos, que supón”. Sobre este último aspecto, anunciou que a Xunta, está a traballar nunha lexislación específica sobre o uso da IA na Administración autonómica, con propostas relativas ao establecemento de códigos éticos e de conduta aplicables nos diferentes sectores de actividade.
Tanto IndesIA como a Xunta remarcaron o seu compromiso mutuo “polo desenvolvemento tecnolóxico e a adopción da IA e a analítica de datos por parte do ecosistema da Comunidade” e apostaron por “unha colaboración que podería poñer en marcha diversos proxectos, a través da plataforma tecnolóxica de IndesIA, para impulsar iniciativas de aceleración destas tecnoloxías, como cursos de formación para sectores específicos ou datatones”.
Segundo explicou o presidente de IndesIA, Valero Marín, “para conseguir o noso propósito de modernizar o tecido industrial do país, debemos achegar IndesIA como asociación de referencia no uso dos datos e as tecnoloxías intelixentes no sector industrial en España a todas as comunidades autónomas españolas”. Para iso, dixo, “é clave o traballo coordinado coas comunidades autónomas, institucións públicas e académicas, hubs tecnolóxicos e organizacións empresariais”.
Tras a apertura institucional, o evento continuou cunha mesa na que o presidente de IndesIA, xunto ao director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, e a directora de Informativos de Onda Cero Galicia, Ángeles San Luis, falaron dos retos e aprendizaxes en materia de IA no tecido industrial español. Nela destacouse a necesidade de que esta tecnoloxía chegue ás pemes do sector e como a falta de talento experto, nestas materias, supón un risco para a súa implantación masiva entre as organizacións. Neste sentido destacaron o labor que IndesIA está a realizar para contribuír a paliar ambas as dificultades. Cerviño, destacou que “Galicia está a facer os deberes para poder ofrecer ese talento que se requirirá por parte do tecido empresarial da rexión. A presenza da AESIA, ademais de colocarnos no mapa da Intelixencia Artificial a nivel global, tamén favorecerá a retención e atracción de talento”.
Para completar a xornada, nunha mesa de expertos debateuse sobre a situación da industria galega e a implantación das ferramentas disruptivas na cadea de valor industrial. Os participantes, moderados pola directora xeral de IndesIA, Nuria Ávalos, expuxeron varios casos de uso que as súas empresas están a aplicar para mellorar os seus procesos. Así, o responsable de tecnoloxía de Navantia, Donato Martínez, explicou que “a nosa organización aplica a IA tanto en produtos, como en procesos, poñendo énfases na sustentabilidade e a pegada de carbono” e destacou a necesidade da colaboración coas pemes e os centros formativos. Doutra banda, o CIO de Gestamp, Pablo del Puente, afirmou que “a formación nesta tecnoloxía é clave tanto nos ámbitos universitarios como na formación profesional”. Así mesmo, fixo fincapé nas plataformas de datos compartidos para acelerar a colaboración entre empresas e a cadea de valor.
O acto foi clausurado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen resaltou “hai que continuar traballando nos mecanismos para mellorar a cadea de valor, na innovación e tamén na formación”. Ademais, anunciou a colaboración con IndesIA, grazas aos Fondos Retech, para o programa de fomento do uso da Intelixencia artificial e a tecnoloxía do dato, no tecido empresarial industrial, coordinada por Euskadi e no que tamén participan a Comunidade de Madrid e Galicia cun orzamento total de 55,6 millóns de euros. Neste sentido, reiterou que IndesIA é un bo exemplo onde mirarse polo exemplo de colaboración privada-publica, que supón. “A colaboración é o motor fundamental da innovación en Galicia”, expresou.
Galicia, comunidade estratéxica para IndesIA
A creación do Nodo GalicIA e a localización da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) na Coruña, xunto coa presenza na rexión de empresas como Inditex, Navantia, Gestamp ou Repsol, socias promotoras de IndesIA, poñen de relevancia a importancia da nosa terra para a asociación Por iso, IndesIA programou para estes días (10, 11 e 12 de abril) varios eventos cos que espera achegarse ao tecido industrial galego no seu obxectivo de seguir promovendo a aplicación da IA como unha ferramenta clave de desenvolvemento empresarial Deste xeito, a asociación participará noutra xornada organizada por ACLUNAGA, a agrupación industrial naval galego, que terá lugar en Ferrol, e tamén se asinarán acordos de colaboración co hub industrial de Innovación Dixital de Galicia, Dighigal, e as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
IndesIA salienta que Galicia é unha das comunidades referentes en impulso empresarial da IA
Compartir Este Artigo

