A enxeñeira informática Nerea Luis e o filósofo Andoni Alonso son dous dos especialistas que este xoves 13 de abril abordarán no Consello da Cultura Galega (CCG), na súa sede de Raxoi (Santiago) os desafíos da nova cultura dixital, poñendo o foco, dentro desta, na máis relacionada coas tecnoloxías intelixentes e de análise da información a gran escala (Big Data). Tocaranse cuestións específicas como os dereitos das persoas ante o acelerado desenvolvemento da Intelixencia Artificial ou as consecuencias deste crecemento a nivel cultural, ético e social.
Baixo o epígrafe Humanismo e tecnoloxía, trátase da segunda xornada do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o CCG celebra o seu 40º aniversario.
A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora do foro, Carmen García Mateo, inauguran esta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución. Carmen García Mateo é catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e membro do Consello da Cultura Galega.
Na xornada, como dixemos, tratarase a cuestión da IA desde o punto de vista das súas posibilidades tecnolóxicas, sen esquecer as consecuencias a nivel cultural, ético e social, e abordarase a urxencia de regular estas tecnoloxías (da man da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial e outras iniciativas), a existencia de nesgos de xénero ou idade, os grupos de persoas excluídas, a tensión entre tecnofobia e tecnofilia e como a ética e o pensamento crítico deben estar sempre presentes en todos os usos da IA.
O CCG analiza este xoves 13 de abril os retos éticos, sociais e culturais da IA
Compartir Este Artigo

