
“Semella, neste mundo actual, coa evolución das técnicas de Intelixencia Artificial, que a tecnoloxía é a que nos vai gobernar, cando debera ser ao revés”, subliñou García Mateo, catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e membro do Consello da Cultura Galega.
O acto de apertura contou tamén coa presenza do vicepresidente do Consello da Cultura Galega e coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, quen destacou o rol da institución na promoción do “debate, a pescuda e a creación arredor dunha serie de eidos do saber, non só sobre o pasado, senón tamén sobre o presente e o futuro”.
A xornada abriuse coa conferencia Artificial e humanos, cal é o límite?, a cargo de Nerea Luis. Nela, fixo un repaso das diferentes tipoloxías de Intelixencia Artificial e como evolucionou ata o momento actual. “Cando ninguén se esperaba chegou ChatGPT e o rebentou todo”, afirmou ao incidir na popularización dunha tecnoloxía que xa existía no ámbito da empresa pero non estaba ao uso da cidadanía. Nerea defendeu a necesidade dos algoritmos e puxo especial fincapé na importancia da regulación. Destacou, neste punto, que será preciso agardar a ver como se concreta a acción da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, entidade cuxa sede estará na Coruña.
A continuación, Andoni Alonso trazou un percorrido pola historia da tecnoloxía dende unha perspectiva crítica e co afán de reflexionar sobre algunhas cuestións de orde social. Para el, “se algo define o desenvolvemento tecnolóxico e a nosa visión da tecnoloxía no século XXI é unha falta completa de proporción con respecto ás cousas”, o que se traduce en “máis ferramentas, máis operacións, máis obsolescencia e máis máquinas”. Alonso chamou a atención sobre “a ausencia de límites” e puxo o foco en que, se a tecnoloxía informática se basea na idea de “buscar un escravo ou unha escrava que estea ás nosas ordes, que nos aforre o esforzo de pensar”, cabería preguntarse “que seremos capaces de facer para conseguir ese resultado”. Ademais, durante o seu relatorio recordou que “non debemos perder a conta de que a tecnoloxía non é tanto as máquinas e as ferramentas que temos ao noso arredor, senón a expresión dos nosos desexos: que queremos, a que aspiramos e cara a onde queremos dirixirnos”.

Na sesión da tarde desenvolveuse a mesa de debate Tecnoloxías da computación, intelixencia artificial e transhumanismo desde unha óptica galega. Moderada por Carmen García Mateo, participaron Amparo Alonso Betanzos, catedrática na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC; Brais González Arribas, doutor en Filosofía e profesor da Área de Filosofía da Universidade de Vigo, e María del Carmen López Pérez, responsable de I+D de Balidea (Santiago de Compostela) que achegou proxectos de IA que está a desenvolver a empresa no eido da saúde.
O CCG puxo en Youtube vídeos sobre a sesión da mañá e tamén sobre a sesión da tarde.
O novo foro do CCG defende a necesidade de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas
Compartir Este Artigo

