A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia iniciará o día 18 de abril un ciclo de actividades para mellorar as habilidades dixitais desde unha orientación inclusiva así como o uso seguro da Internet e que terán lugar nas aulas da Rede CeMIT e o Centro GaiásTech. Esta programación enmárcase na Campaña All Digital Weeks 2023, que se celebrará entre o 17 de abril e o 7 de maio en toda Europa baixo o lema Mellora as túas habilidades dixitais.
O programa de actividades arrancará o día 18 de abril cunha sesión presencial Novas pedagoxías para o ensino das TIC destinada a axentes TIC da Rede CeMIT, que se complementará o 3 de maio coa celebración dunha sesión online Aprender ciencia creando: introdución ao método STEAM, co obxectivo de mellorar as metodoloxías de ensinanza das TIC e facilitar diversas temáticas de interese para a cidadanía.
Ademais, o 27 de abril, Día Internacional das rapazas nas TIC, a Axencia autonómica celebrará no GaiásTech da Cidade da Cultura unha xornada dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos. Para poder participar nesta xornada de maneira presencial, é preciso inscribirse en liña.
A xornada comezará ás 16:30 cunha actividade interactiva baixo o nome Breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller nas TIC. Posteriormente, continuará cunha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG Dígocho Eu e rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en marcha un vehículo. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades en liña dende o GaiásTech a través de Zoom.
A conmemoración das All Digital Weeks pecharase cunha charla sobre ciberseguridade O teu día a día, con seguridade o día 4 de maio de 16:00 a 17:30 no centro GaiásTech, no que se fará foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporá as medidas para poder previlos. Para poder asistir a esta charla de maneira presencial, é necesario inscribirse en liña.
A AMTEGA súmase á campaña europea All Digital Weeks 2023
Compartir Este Artigo
