Será o vindeiro xoves, 27 de abril, cando se celebre a undécima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), encontro encamiñado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) será o lugar elixido para levar a cabo este evento, que terá lugar de 10:45 a 19 horas, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade e o dito CESGA, dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia. Carmela TroncosoIndo ao acto en cuestión, dicir que será inaugurado pola directora de GAIN e presidenta do CESGA, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Esta actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistirá nunha multiconferencia web, que se retransmitirá por streaming, na que participarán profesionais galegas que contarán a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode achegar en diversos eidos para mellorar a vida. Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro senlleiras tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías: Mariamo Mussa Juane (Física e traballadora do CESGA), Esther Medina (Enxeñeira de Telecomunicacións e xefa de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG), Alba Meijide (licenciada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Manchester, é consultora e deseñadora de proxectos baseados en Intelixencia Artificial para empresas) e Carmela Troncoso (Enxeñeira de Telecomunicacións galega e profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, dirixe o Laboratorio SPRING). Alba MeijideDende os centros escolares, as rapazas e rapaces poderán enviar as súas preguntas en directo para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas convidadas. Asemade, de xeito presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes realizará unha visita guiada ao supercomputador Finis Terrae III e participarán nun obradoiro tecnolóxico. Xa pola tarde, poñeranse en marcha outros obradoiros tecnolóxicos dirixidos a rapazas e rapaces de entre 10 a 16 anos, presentados por un grupo de mozas galegas, 5Girls4Techno, gañadoras dun premio internacional por crear a mellor APP europea en Technovation Girls o pasado ano. Alén disto, pola tarde haberá xogos e visitas guiadas ao supercomputador FinisTerrae III. Esther MedinaEngadir que dende 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras nas TIC na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria. Para máis información sobre esta xornada cómpre visitar a web do departamento de eLearning do CESGA. Mariamo Mussa