A Industriosa (con sede no número 13 da rúa Barcelona, en Vigo) vai acoller este 24 de abril unha nova sesión formativa de tecnoloxías abertas e participativas. Trátase do obradoiro Iniciación á Impresión 3D, previsto para as 19.30 da dita xornada do luns.
A actividade porá o foco na fabricación aditiva, conxunto de técnicas de fabricación modernas (que se remontan á década dos 80) que se basean na suma de material para a creación de pezas. Emprestarase especial atención ás posibilidades actuais destas técnicas, que se ben nos seus comezos restrinxíase á fabricación de prototipos, achegan agora importantes potencialidades para a creación de produtos completamente funcionais.
Neste obradoiro, ademais, teremos oportunidade de coñecer polo miúdo as diferentes técnicas de Impresión 3D e fabricación por diferentes métodos. “Centrarémonos”, explican dende A Industriosa, “nas técnicas FDM (Impresión 3D) vendo o funcionamento das mesmas, e cales serían os primeiros pasos e erros habituais para poder evitalos, e tamén daremos nocións básicas de FreeCAD, un dos programas libres máis empregados para o deseño 3D de prototipos”.
Para participar debemos de realizar a inscrición (gratuíta) en Meetup.
Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia Para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).
A Industriosa acolle o luns un obradoiro de iniciación á Impresión 3D e á fabricación aditiva
Compartir Este Artigo

