A empresa galega Libera Bio, novo referente no eido da biofarmacia, foi recoñecida este venres 20 de abril na 16ª edición dos Premios EmprendeXXI que conceden Caixabank (DayOne) e ENISA (Ministerio de Industria) como a startup máis innovadora de Galicia nos Premios EmprendeXXI. O galardón, impulsado en Galicia polo IGAPE, distinguiu o empuxe da santiaguesa Libera Bio por “desenvolver unha nova xeración de nanomedicamentos de precisión, baseados en patentes tecnolóxicas propias, co obxectivo de mellorar os tratamentos do cancro”. As finalistas foron as tecnolóxicas AirCO2, Ancora, Celtarys e Alice Biometrics.
Os galardóns
Os Premios EmprendeXXI naceron no ano 2007 coa vontade de impulsar e apoiar as iniciativas emprendedoras, contribuír ao desenvolvemento de novas empresas con alto potencial e recoñecer o impacto social, económico e ambiental que estes negocios xeran no seu territorio. Desde a súa creación, o programa investiu 7,5 millóns de euros en metálico e en accións de acompañamento e que beneficiaron a máis de 465 empresas. Este ano, que os premios alcanzan a súa 16.ª edición, 47 startups galegas presentaron a súa candidatura, o que supón un incremento do 74% respecto á edición anterior.
Premios en metálico e formación
O galardón obtido por Libera Bio inclúe unha dotación económica de 6.000 euros e o acceso a un programa de formación internacional. Trátase dunha formación especialmente deseñada para novas firmas innovadoras con alto potencial de crecemento, Moonshot Thinking for entrepreneurs, e está impartida por ESADE e expertos de Silicon Valley. A súa realización combina sesións formativas coa experiencia de visitar algún dos principais hubs de innovación do mundo.
Así mesmo, tamén terán a oportunidade de participar no Investors Day EmprendeXXI, unha xornada onde manterán contacto con investidores e empresas interesadas en colaborar co ecosistema emprendedor e entrará a formar parte da comunidade AlumniXXI, cos fundadores das empresas gañadoras desde o inicio.
O acto de entrega, que contou entre os seus relatores coa presenza de representantes da Dirección Territorial Norte de CaixaBank e ENISA, realizouse no marco da xornada de innovación DayOne Innovation Summit.
As startups máis innovadoras de Galicia
Ademais de Libera Bio no evento estiveron presentes as startups galegas finalistas, que presentaron os seus proxectos e foron recoñecidas polos organizadores pola súa contribución para mellorar a sociedade. Estas foron as empresas finalistas da nosa terra:
• AirCO2: é un marketplace que permite neutralizar a pegada de carbono coas capturas de CO2 de plantacións forestais de proximidade.
• Ancora: deseña tecnoloxía especializada para a industria 4.0, centrada na dixitalización eficiente do traballador na planta de produción.
• Celtarys Research: desenvolve ferramentas químicas fluorescentes innovadoras para acelerar o descubrimento de fármacos.
• Alice Biometrics: ofrece solucións automáticas de verificación de identidade, en remoto e con tecnoloxía anti fraude.
A 16.ª edición dos Premios EmprendeXXI recibiu un total de 1.135 candidaturas procedentes de España e Portugal, o que representa case un 50% máis que o ano anterior. Destas máis de 1.100 propostas, a organización premiará 19 a nivel territorial: 17 en España (unha por comunidade autónoma) e dúas en Portugal (zona norte-centro e Lisboa-sur e Illas).
En paralelo, tamén se premiará ás empresas de calquera territorio que ofrezan as mellores solucións a algúns dos retos actuais que afronta a entidade e a sociedade en xeral. As firmas seleccionadas obterán un premio en metálico de 20.000 euros e as súas propostas estarán enfocadas, concretamente, a dar resposta a seis grandes desafíos vencellados ao sector financeiro, as cidades e vilas sustentables, a protección do planeta, a saúde, a industria agroalimentaria e o sector do turismo, a restauración e o lecer.
Tamén se entregarán dous accésits á empresa con maior impacto social e á innovación máis disruptiva.
As galegas Libera Bio, AirCO2, Ancora, Celtarys e Alice Biometrics, distinguidas nos Premios EmprendeXXI
Compartir Este Artigo

