O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e o Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia recibiron esta mañá os premios Socinfo Digital, Galicia TIC organizados pola revista Sociedade de la Información Digital nas categorías de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, respectivamente. Os galardóns entregáronse durante a xornada sobre Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation que tivo lugar na sede de Afundación en Santiago de Compostela.
A xornada foi inaugurada polo director da AMTEGA, Julián Cerviño, que destacou que a Xunta ten xa en marcha preto do 90% dos proxectos correspondentes ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia xestionados por esta Axencia.
Destacou, neste sentido, que un total de 93 millóns de euros corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados. Estas iniciativas están englobadas en 26 liñas de actuación enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
Premios Socinfo Digital
O premio na categoría de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, concedido ao nodo CIBER.gal, foi recollido polo xefe da Subárea de Seguridade da AMTEGA, Gustavo Herva en presencia, como representación do sector privado, do presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral.
Tras recoller o premio, Herva referiuse ao carácter pioneiro do Nodo e agradeceu a vinculación e colaboración do INCIBE, o CCN, a Fegamp e as catro deputacións provinciais galegas, así como «a todas as entidades públicas e privadas que se adheriron a este espazo, poñendo á súa disposición os seus recursos e cooperando na execución das súas accións». En concreto, son máis de 50 entidades adheridas.
Pola súa banda, o premio de Goberno Aberto foi recollido polo director xeral de Simplificación Administrativa da Consellería de Facenda, Jesús Oitavén, que subliñou que o Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta contén máis de 2.256 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 6.857 documentos, e cuxos contidos poden ser interpretados por un sistema de voz de contido.
Así mesmo, a información solicitada polos cidadáns é de moi distinta natureza, comprendendo áreas temáticas relacionadas coa ordenación do territorio e do medio ambiente, coa contratación pública, información en materia de persoal ou información de relevancia xurídica, entre outras.
Capacitación dixital da cidadanía
Na xornada tamén participou o director da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Miguel Rodríguez, quen pronunciou unha conferencia na que se referiu á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades locais para «dotar ao conxunto da cidadanía da capacidade necesaria para desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital e reducir a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas».
En canto ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, o director de Sociedade Dixital da AMTEGA destacou que «define os coñecementos, capacidades e aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais en todos os ámbitos sociais e é o soporte sobre o que se asenta a súa certificación e acreditación».
