O proxecto de transformación dixital das entidades locais da Deputación da Coruña, Concello Dixital, vén de recibir o Premio Socinfo Digital Galicia TIC á Interoperabilidade Eficiente. O galardón valora a capacidade do nodo de interoperabilidade NIDeC, desenvolvido en torno á plataforma de tramitación electrónica TEDeC, núcleo tecnolóxico do ecosistema Concello Dixital.
A entrega do galardón tivo lugar durante a clausura da xornada Prioridades TIC en las AAPP de Galicia ante los Fondos Next Generation, celebrada na Sede Afundación de Santiago de Compostela. Recolleron o premio, Pilar Fernández Caeiro, Xefa da Sección de Administración Electrónica da Deputación da Coruña e directora do proxecto Concello Dixital, María Couto e Leo Curros. Ao recoller o galardón, de mans de Miguel Rodríguez Quelle, director de Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Pilar Fernández dedicou o premio aos máis de 3.000 traballadores e traballadoras públicos das entidades locais da provincia.
Os Premios Socinfo Digital están organizados pola Revista Sociedad de la Información Dixital e recoñecen proxectos de desenvolvemento das TIC nas Administracións Publicas aplicadas aos servizos que estas prestan á cidadanía.
A adopción dun modelo de interoperabilidade de seu nas entidades locais da provincia que operan baixo o ecosistema Concello Dixital permite ás empregadas e empregados públicos o acceso e consulta dos datos da cidadanía das diferentes administracións públicas, necesarios para a tramitación dos seus expedientes. Todo este proceso realízase ao abeiro do obrigado marco de seguridade e tratamento da información recollido polo Esquema Nacional de Seguridade.
Na actualidade, arredor de 3.000 empregados e empregadas públicas das entidades locais da provincia da Coruña utilizan esta plataforma de tramitación electrónica.
Pola súa banda, a cidadanía vese beneficiada da redución de cargas administrativas na relación cos seus concellos, así como ve recoñecido e aplicado o seu dereito a non aportar documentos que obren en poder da Administración actuante ou elaborados por calquera outra Administración, dereito recollido na Lei de Procedemento Administrativo común das Administracións Públicas.
Galardoan o proxecto Concello Dixital da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo
